O Marxismo empezou sendo un sistema filosófico, político e económico baseado nas ideas de Karl Marx, pero ultimadamente no sistema político español adáptase mais á acepción do cómico, rozando o esperpéntico que desenvolvían os irmáns estadounidenses.
A esa acepción refírome á hora da unión deses “grandes” partidos independentistas e supremacistas que nos brindan, un día si e outro tamén, con perlas filosofo-cómicas en aras da crispación e da ruptura do noso país.
Hai uns días, estes “independentistas” propuxéronse a “unión” das súas hostes en aras de conseguir presentarse ás eleccións europeas e alcanzar a “poñer unha pica en Flandes” co fin de destruír, xa non só o noso país, senón tamén a comunidade europea.
Desta maneira, volveron desenvolver completamente, unha vez máis, varias afeccións filósofo-cómica de “estes son os meus principios, pero se non lle gustan temos outros”, xa me imaxino como están a negociar esa alianza “a parte contratante da primeira parte é a parte….”.
Esta vez, coma se tratásese do camarote da afamada película, embarcan os tres partidos ERC, Bildu e BNG, en rumbo ás eleccións europeas para tentar alcanzar unha posición nunha comunidade na que ningún deles cre nin ningún deles defende.
No caso do BNG, debo matizar que o xiro da súa doutrina pasando dun nacionalismo acérrimo a un oportunismo sen control, de maneira que se soben ao carro que máis lle convén, vendo con alegría inusitada e con ilusión desmedida as maneiras de actuar dos seus novos xefes cataláns, mentres se apoltronan de maneira aburguesada nos poucos cargos que lles van quedando, estrañando os asentos que perderon cando estaban ao servizo do PSdeG.
Para estes tres partidos teño unha doutrina dese personaxe chamado Groucho que deberían poder utilizar sen rubor “Eu nunca pertencería a un club no que me quixesen a min como socio”, é unha doutrina moito máis acertada e adecuada á súa maneira de ditar.
En Galicia, algúns estamos cansados dun partido como o BNG que só busca maneiras de deixar en evidencia aos demais, un partido, que do mesmo xeito que os seus compañeiros de viaxe, está a vivir no pasado, cuxa única maneira de pensar baséase no enfrontamento e na discordia e que vive do medo e agora, ademais, do oportunismo, é hora xa de que lle quitemos a máscara a estes independentistas que o único que buscan é o seu control absoluto de todo o poder posible.
Debo incidir, ademais, que, se a unión destes partidos materialízase finalmente, debemos denunciar que un voto a esta nova conxura, significa un voto á discordia, ao enfrontamento e á ruptura da sociedade, iso é un feito.
Escribe o teu comentario