Cesan ao xerente da cafetería do CHUS condenado por acoso
Os traballadores votarán nos próximos días se seguen coa folga tras o cambio de xefe e as ofertas da concesionaria
Os traballadores votarán nos próximos días se seguen coa folga tras o cambio de xefe e as ofertas da concesionaria
O xerente da cafetería do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), que xestiona a empresa Aramark Servizos de Cátering, foi cesado pola empresa despois de que fose condenado por acoso laboral a unha traballadora. A sentenza, do mes de maio, está recorrida ante o TSXG.
Unha pasada protesta na cafetería do hospital de Santiago
A pasada semana a traballadora denunciou publicamente que se reincorporou ao seu posto de emprego pero que estaba baixo o mando da persoa que estaba condenada por acoso laboral.
O Xulgado do Social número 3 de Santiago condenara tanto á empresa como ao director/xerente da cafetería, así como ao anterior xefe de cociña, que xa non está no posto, por "vulneración dos dereitos fundamentais á dignidade e non discriminación" da empregada.
SENTENCIADO, PERO NON EN FIRME
A sentenza, ditada o 18 de maio deste ano 2018, non era firme e foi recorrida polos tres condenados ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Con todo, a traballadora renunciara á medida cautelar de suspensión do seu traballo mentres que a sentenza non fose firme e se reincorpó ao emprego o 1 de novembro. Neste contexto denunciaba que estaba baixo o mando do xefe que fora condenado e esixía á empresa que adoptase as medidas necesarias para evitar esta situación.
Finalmente, Aramark cesou ao xerente e presentou ante o Comité de empresa á nova persoa que ocupará o cargo, segundo confirmou a Europa Press a avogada da denunciante e a CIG.
Ademais, segundo informou o sindicato CIG, chegouse a un acordo que será debatido á primeira hora da noite, ao finalizar a súa quenda, polo persoal da cafetería, segundo informa CIG-Servizos.
PENDENTES DA POSIBLE FOLGA
O acordo contempla una bolsa de emprego para persoal contratado que terá preferencia para a cobertura de vacantes e a revisión das cámaras de videovigilancia.
Os traballadores avaliarán na asemblea o acordo e decidirán se desconvocan os paros laborais que estaban acordados para os días 26, 27, 28 e 29 de novembro, de 09,00 a 11,00 horas e de 14,00 a 16,00 horas, segundo informa a CIG.
Escribe o teu comentario