Nas últimas semanas tivemos ocasión de coñecer as declaracións de dous importantes líderes políticos galegos (o alcalde de Vigo, e o presidente da Xunta) quen sitúa, respectivamente, a cidade de Vigo e a Galicia nun lugar privilexiado no cosmos tal que en pouco tempo brillarán máis que o Sol. Si a primeiro fala dun despregue luminoso, con motivo das festas de Nadal, tal que Vigo superará non xa Los Ángeles senón mesmo a mesma París, a cidade de luz. O segundo, presidente da Xunta, afirma que as actuacións do seu goberno están a situar a Galicia a cabeza de España e posiblemente de Europa.
Declaracións deste tipo poñen unha vez máis en evidencia onde poden levar as maiorías absolutas: a pervertir a democracia e favorecer comportamentos despóticos dos seus gobernantes. Comportamentos facilitados tanto polas leis electorais como polos regulamentos aprobados posteriormente e que alcanzan o funcionamento das institucións democráticas.
Un caso paradigmático témolo no funcionamento do actual Parlamento de Galicia como puidemos comprobar no recente debate sobre o estado da autonomía. Un debate que me permite extraer unha serie de lecturas varias como o uso que das institucións políticas fan algúns gobernos con maioría absoluta, o concepto da democracia que teñen o actual presidente da Xunta de Galicia e o seu partido (PP) e as dificultades que existen para exercer unha auténtica oposición política en Galicia. Un debate que, con todo, tamén permite pensar que, a pesar de todo, é posible articular unha maioría social alternativa ao poder conservador.
Practicamente todos os gobernos con maioría absoluta teñen querenza por cambiar o funcionamento das institucións democráticas tal que estas deixen de ser foros onde se exercita a democracia para converterse en púlpitos onde os seus dirixentes, especialmente os xefes de goberno, fan ostentación da súa poder político e persoal. Unha práctica política que fai un enorme dano a democracia como recentemente tivemos ocasión de ver no citado debate sobre o estado da autonomía galega. Cun formato “ad hoc” o presidente da Xunta de Galicia (A. Núñez Feijoo) dispón dunha enorme vantaxe sobre os seus rivais políticos. Vantaxe que aproveita, apoiado tanto no seu lamentable sentido do debate político democrático como no forofismo da súa bancada parlamentaria, para atacar, menosprezar e mesmo insultar sen decoro aos dirixentes da oposición como si fora un hooligan calquera.
Convidado polo líder da oposición (Luís Villares) ao último debate sobre o estado da autonomía puiden ser testemuña do sinalado anteriormente. Puiden ver como o señor Feijoo dirixíase tanto a excelente parlamentaria Ana Pontón, cun irritante trato entre paternalista e misógino, como moi especialmente a un incisivo Luís Villares, fronte ao que a súa penosa catadura como político e dirixente dun dos partidos políticos máis corruptos de Europa quedou en evidencia -neste caso o señor Feijoo debera ter en conta que a traxectoria persoal, profesional e política do señor Villares está moi por encima da súa, por non falar do compromiso de cada quen coa liberdade e a democracia de Galicia- Non menos penoso foi o comportamento tanto do presidente da Cámara como da bancada popular –cun protagonismo especial por parte do señor Pillado-. Fraco favor fanlle a democracia galega estes comportamentos chulescos e prepotentes, propios de patanes de taberna, que non parecen quen de aceptar que haxa unha real oposición. Resaibos franquistas.
No debate tamén quedaron en evidencia outros custos das maiorías absolutas. Así, e por caso, tivemos que escoitar como o presidente da Xunta de Galicia na defensa da xestión do seu goberno falseaba, unha e outra vez e sen ningún rubor, a realidade galega. Basten os seguintes exemplos.
Fronte ao slogan de que “Galicia avanza”, as evidencias empíricas demostran, desgraciadamente, todo o contrario. As políticas austericidas provocaron en Galicia, como en España, unha grande recesión derivada dun enfeblecimiento da demanda interna (reflectida nunha forte caída do gasto privado provocada polos axustes fiscais e as rebaixas salariais) que tiveron como efecto un mercado laboral con menos e peor emprego (ao día de hoxe aínda non recuperamos os niveis previos a crise e a precariedade segue disparada) que turra da emigración, moi especialmente da xente moza. Ao mesmo tempo o xa deficitario estado de benestar, en sectores craves como a sanidade, o ensino ou a atención a maiores, vive unha auténtica desfeita a favor da iniciativa privada. Unha dinámica de retroceso económico e social que se acompaña, fronte a propaganda gobernamental, dun endebedamento (público e privado) disparado: Galicia está cada vez máis endebedada. Non é que, por caso, a débeda pública téñase xa multiplicado por catro senón que a Xunta de Galicia entrou no endiablado espiral da débeda onde cada vez unha porción maior dos ingresos por débeda van para pagar débeda sen por elo evitar que esta sega crecendo. Unha situación que fai que a dependencia financeira exterior da Xunta de Galicia sexa crecente. Para máis inxuria, e como oferta dun futuro mellor, o presidente da Xunta promete unha baixada de impostos (!). Unha promesa que ademais resulta falaz dado que tal baixada non deixa de ser unha miseria pois afectaría a impostos indirectos de moi baixa relevancia. Con todo, sobre dous temas craves de política fiscal nos que si podería actuar a Xunta de Galicia, como a loita contra a fraude fiscal e a rebaixa na desigualdade de trato entre as rendas de traballo e de capital, con efectos inmediatos e relevantes sobre os ingresos tributarios –permitirían un incremento anual dos mesmos en torno os 3.000 millóns de euros- non houbo ningunha referencia o que deixa en evidencia cales son as prioridades fiscais deste goberno.
Neste marco resulta bochornoso escoitar ao presidente da Xunta presumir dunha Galicia irreal pois como sinalan a maioría das entidades e organismos máis fiables este país pasou a converterse nunha dos comunidades europeas con máis dificultades para a creación de emprego e cal economía viaxa no furgón de cola europeo. Unha comunidade na que, o emprego precario, os baixos salarios e os déficits nas políticas de benestar fixeron que a desigualdade e a pobreza se enquistaran.
Con todo e a pesar das dificultades e limitacións que ofrece a maioría absoluta do Partido Popular (PP), do despotismo instalado e favorecido polo formato institucional creado por ese partido que procura dificultar ao máximo o necesario labor opositor dos partidos (EN MAREA, PSdG-PSOE e BNG), o debate sobre o estado da autonomía serviu tamén para dar testemuña de que se poden crear as bases para unha esperanza de cambio. Unhas bases que deben ter como sustento a chamada que o líder da oposición, Luís Villares (EN MAREA) fixo no tramo final do debate ao resto dos partidos da oposición ( PSdG-PSOE, BNG) para empezar a traballar na procura de articular unha maioría social e política de cambio tendo como horizonte as eleccións autonómicas do 2020.
As rúas galegas (defensa da atención sanitaria e as pensións públicas, loita contra a desigualdade e a violencia de xénero, defensa do sector forestal e do medio ambiente….) veñen demostrando que esa unidade non só é posible senón que se demanda por unha cidadanía que a considera imprescindible para unha Galicia mellor e igualitaria.
Escribe o teu comentario