O persoal da zona azul reclama a intervención do Concello de Vigo para acabar coa folga indefinida

PP e Marea piden que a empresa non poida volver prestar servizos, e o goberno promete "firmeza", "dentro da legalidade"



|

Traballadores da zona azul de Vigo no Pleno


Os traballadores da GER (Gestión de Estacionamento Regulado) ou zona azul de Vigo trasladaron este mércores ante o pleno municipal a súa situación, tras retomar a folga indefinida para reclamar a incorporación de 8 empregados despedidos pola empresa concesionaria, Dornier.

Así, o portavoz dos traballadores, Luís Cordovés, interveu en nome do persoal ante o pleno para denunciar que, a pesar de suspender o paro durante varias semanas, a empresa non dá o seu brazo para torcer e non accede á readmisión dos despedidos (a pesar de que a concesión do servizo contempla a subrogación de todo o persoal). "A empresa está a rirse da cidade, non dá marcha atrás, e non sabemos que quere do Concello", lamentou este traballador.

"Isto non se pode permitir, nin neste nin en ningún outro servizo público", sinalou Cordovés, quen pediu "apoio" de todos os grupos políticos para "que poñan á empresa no seu sitio". A ese respecto, expresou a súa esperanza de que o expediente sancionador aberto a Dornier "vaia adiante" e que o goberno local "bote á empresa", que "non debería de concursar máis".

Finalmente, Luís Cordovés advertiu de que os traballadores non van "parar" ata que se solucione a súa situación, porque xa deron "unha oportunidade" á empresa concesionaria.

GRUPOS POLÍTICOS
Os grupos da oposición (Marea de Vigo e PP) coincidiron en reclamar que se rescinda o contrato á concesionaria, e en apuntar que xa advertiran dos problemas que xeraría a concesión a unha empresa que se fixo co servizo incorrendo en "baixa temeraria", cunha rebaixa do 30 por cento do custo.

A portavoz do PP, Elena Muñoz, reclamou "pasar das palabras aos feitos", xa que "esta empresa non pode traballar para o Concello nunca máis".

Mentres, o portavoz de Marea, Rubén Pérez, sinalou que "era evidente que a concesionaria non estaba a cumprir" e esixiu ao goberno local "que controle" ás empresas que prestas servizos municipais. "Queremos a esta empresa fóra da contratación pública", sentenciou.

Pola súa banda, o portavoz do goberno vigués, Carlos López Font, proclamou que o goberno "vai facer cumprir o contrato", pero advertiu de que "hai que tomar as decisións desde a legalidade, non desde a calor de certas situacións". Así, recoñeceu que a empresa actúa de forma "hostil", pero prometeu "firmeza".

Na mesma liña, o alcalde, Abel Caballero, trasladou "o apoio incondicional" do goberno local ao persoal "dentro da lei". "Isto vaise a arranxar. Mentres eu sexa alcalde, os traballadores estarán en primeira liña da accción do goberno", aseverou.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE