Persoal de CRTVG e RTVE sae á rúa por uns medios públicos e de calidade contra unha dirección que "nega a realidade"

Galiciapress asiste á presentación das traballadoras e traballadores da CRTVG e a CRTVE, que saen á rúa o 8 de setembro para esixir uns medios públicos e de calidade, en contra da manipulación informativa e a represión dunha dirección que ignora as demandas do persoal e "nega a realidade"


|

Galiciapress asiste á presentación das traballadoras e traballadores da CRTVG e a CRTVE, que saen á rúa o 8 de setembro para esixir uns medios públicos e de calidade, en contra da manipulación informativa e a represión dunha dirección que ignora as demanas do persoal e "nega a realidade"



Manifestaciu00f3n CRTVG TVE   Eva Neira

Presentación da manifestación do 8 de setembro | Imaxe: Eva Neira Carballo


Cada venres San Marcos viste de negro. Desde hai uns meses, o persoal da Compañía Radio Televisión de Galicia e a Compañía Radio Televisión Española maniféstanse nos seus lugares de traballo contra a manipulación informativa que sofren os medios públicos desde fai nove anos. 


"Neste últimos nove anos [os medios públicos] están ao servizo do goberno galego, en concreto do Partido Popular de Galicia. Iso vese coas continuas denuncias que estamos a facer os dous Comités por manipulación, utilización e fiscalización da información", declara Raimundo Méndez, presidente do Comité Intercentros da CRTVG. 


Este venres, Méndez, xunto ás súas compañeiras e compañeiros do medio galego Andrea de Francisco, Jesús Domínguez e Iago Alvite; e dos seus colegas de TVE, Manuel Ramos -presidente do Comité de Empresa da Coruña-  e Suso Rivas, presentaron a manifestación conxunta en defensa dos medios públicos convocada para o sábado 8 de setembro.  


A marcha, que coincide co último tramo do Camiño de Santiago, sairá ás 10.30h das instalacións da CRTVG en San Marcos, recollendo ás compañeiras e compañeiros da CRTVE. O camiño, por Monte do Gozo, continuará por Concheiros, San Pedro, Casas Reais, e Toural, para acabar na Praza de Praterías ás 12.30h, onde procederán á lectura dun manifesto conxunto. Uxía, Gaudí Galego e Xabier Díaz poñerán a nota musical para finalizar o acto. 


Os medios públicos, defende Raimundo Méndez, deben ter unha vocación de servizo público, tal como din as leis 7/2010 do 31 de marzo, Lei Xeral do Audiovisual, e a lei 9/2011 do 9 de novembro, Lei de Medios Públicos de Comunicación de Galicia, "que se aprobou en novembro de 2011 e van facer 7 anos que non se desenvolve". Esta manifestación responde, segundo o presidente do Comité Intercentros, a unha demanda "dos comités", "das traballadoras e traballadores das dúas empresas" e "da propia cidadanía galega"


A manifestación levará a cabo a mesma semana que empeza a nova programación na cadea autonómica, na que, como explica Iago Alvite, por primeira vez despois de quince anos a Radio Galega queda sen as desconexións locais, algo que achaca a "unha posta estratéxica partidista do PP desde o Goberno para tentar facer algún tipo de manobra para as eleccións municipais do ano que vén". A partir do 3 de setembro, só se manterá unha pequena desconexión de media hora e un faladoiro político a nivel local, "que entendemos que vai ser mediatizada e polarizada para beneficiar ao partido que está no poder". 


O presidente do Comité Intercentros considera que esta mobilización pode marcar "un antes e un despois das dúas corporacións" na primeira manifestacion conxunta das dúas compañías públicas


5b08320d1710a tvg

Venres Negro na CRTVG


MANIPULACIÓN INFORMATIVA

O 10 de xuño miles de persoas alagaron Santiago de Compostela nunha manifestación en contra do proxecto de megaminería da Mina de Touro - O Pino. A propia organización da mobilización, conta Méndez, denunciou nas redes sociais a cobertura informativa da CRTVG, que, segundo explica o presidente do Comité, remitiu imaxes que non se correspondían coa realidade, nas que se ocultaba o gran número de asistentes.


72 segundos foi o tempo que durou a noticia sobre a operación Gürtel, unha información que emitó a CRTVG sen aludir á condena da Audiencia Nacional pola que o Partido Popular debe pagar a título lucrativo 245.000 euros. "Obviouse tamén o pasado dunha das persoas que tivo máis penas. En concreto de Pablo Crespo, que foi secretario da organización do Partido Popular De Galicia", apunta Méndez. 


En outubro de 2017, cando unha vaga de incendios arrasou Galicia, con gran incidencia no sur, "mentres outras televisións nacionais empezaron a facer especiais, nós entramos o domingo, dous días despois, ás once da noite". Méndez é claro: "Iso é inadmisible". 


"O que queremos é simplemente que se cumpra a lei: obxectividade, imparcialidade, veracidade, neutralidade informativa, así como respecto á liberdade de expresión e á formación dunha opinión pública plural tal como di a lei. Garantir os dereitos dos consumidores e usuarios, en relación coa programación. Os medios públicos son un servizo público, tal como é a sanidade e a educación. Son de todas as galegas e galegos, non son de ningún partido político", declara o presidente. 


Manifestaciu00f3n CRTVG CRTVE   Eva Neira

De esquerda a dereita: Alvite, Domínguez, De Francisco, Méndez, Ramos e Rivas | Imaxe: Eva Neira Carballo


SITUACIÓN ECONÓMICA

O orzamento da CRTVG en 2008 era de 142 millóns de euros. En 2018, en cambio, a compañía conta con 107 millóns, 35 millóns de euros menos en dez anos. Tamén se resenten as cifras en canto a persoal, con 1200 traballadoras e traballadores ao fin do bipartito en 2009, fronte ás 950 actuais. 


"Preténdese que sexan medios públicos, dignos, pero tamén de calidade. Que teñamos medios suficientes para informar á cidadanía. Informar e formar, porque non só os contidos informativos son importantes, senón o resto da produción propia, que cada vez é menor e con contidos de pouco servizo público", sinala Andrea De Francisco, que apunta tamén á "precarización" e á "conversión en homes e mulleres orquestra das compañeiras". 


Así, igual que na educación e a sanidade, como comparaba Méndez, os medios de comunicación públicos están a ser "dinamitados". "Queren destruír un servizo público", apunta Suso Rivas, da CRTVE. "Dinamítanos tanto manipulando como quitándonos o traballo e levándoo para fose, aos seus amigos como sempre, e é un pouco o que fan coa sanidade e a educación". 


A POSICIÓN DA DIRECCIÓN

O comité intercentros da CRTVG mantén reunións coa dirección de recursos humanos para tratar "estritamente" cuestións laborais. "Co director xeral [Alfonso Sánchez Izquierdo] non nos reunimos desde fai máis dun ano", apunta Jesús Rodríguez, que fala de esquerdo como un director "totalmente ausente co compromiso da representación legal" do persoal. 


A dirección ignora as mobilizacións. "O que recibimos fronte á mobilización é unha dirección xeral e un gabinete de márketing e de defensa da liña ideolóxica desta dirección xeral, que está a negar que estes venres negros representen á maioría das traballadoras e traballadores", explica a compañeira do comité Raquel Lema fóra da mesa. Mesmo, comenta, tentan facer crer que é unha minoría que "case obriga" ao resto para ir de negro. 


"Lonxe de escoitar o clamor que se está organizado no persoal nos últimos meses, o que recibimos é unha negación da realidade, son os mundos de Yupi: presumen da Galega, crean hashtag contrarios á dignidade dos medios, están a presumir dos medios que destruíron no canto dos que construíron", lamenta Lema. 


Ademais, episodios como o expediente sancionador por falta moi grave á presentadora Tati Moyano que criticou a manipulación e o uso partidista da cadea ante o presidente da Xunta, son un aceno, para Raquel Lema, de "unha represión que se está agudizando. 


Pola súa banda, os cambios na dirección de Rádioa Televisión Pública Española non chegaron a Galicia. A pesar de que as mobilizacións se haxan visto reducidas nas últimas semanas a nivel estatal, a loita continúa aquí. "Hai unha nova dirección, unha nova presidenta, está a organizarse todo, pero aínda así non imos parar de insistir en que o que queremos é unha televisión veraz, independente, plural. Aínda que cambiasen todas as direccións non quere dicir que iso se vaia a cumprir, e imos estar pendentes", declara Manuel Ramos.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE