Localizados tres polisóns, dous menores de idade, nun semirremolque que ía embarcar en Vigo con rumbo a Reino Unido
Axentes da Policía Nacional, da Garda Civil e da Policía Portuaria de Vigo localizaron a tres polisóns, dous deles menores de idade, ocultos nun semirremolque que ía ser embarcado na terminal olívica nun ferry con destino ao Reino Unido.
Segundo informaron fontes policiais, os polisóns, todos estranxeiros, pretendían viaxar de maneira clandestina e evitar o control fronteirizo. As mesmas fontes lembraron que o transporte de persoas ocultas en colectores ou zonas de carga é un dos métodos máis utilizados polas redes de inmigración ilegal, e que mesmo chegan nalgúns casos a proporcionarlles aloxamento preto dos recintos portuarios e trasládanos en condicións que pon en risco a súa integridade física ou mesmo a súa vida.
No caso de Vigo, foi a Policía Portuaria a que detectou a presenza dunha persoa no semirremolque, que estaba na terminal de carga, e deu aviso. Así, mobilizáronse axentes da Policía Nacional (de Seguridade Cidadá e da Brigada de Estranxeiría e Fronteiras), así como axentes da UDAIFF e do servizo cinológico da Garda Civil que, con cans especializados, lograron localizar aos individuos.
Os axentes comprobaron a identidade dos polisóns e a súa situación administrativa, e localizaron ao responsable da empresa de transportes.
A Policía explicou que "esta práctica é habitual e reiterada nos distintos portos españois para evitar o control fronteirizo e as inspeccións na zona de carga". O seu modus operandi consiste en introducir no interior de colectores ou zonas de carga, en ocasións durante varios días, portando consigo roupa de abrigo e víveres para "subsistir ata que logran embarcar en mercantes ou embarcacións pesqueiras para o transporte clandestino".
Esta operación, incidiron fontes policiais, "é o resultado da intensificación dos controis que se realizan, na zona de carga e as instalacións do Porto de Vigo, por parte dos axentes pertencentes á Brigada de Estranxeiría da Comisaría de Vigo-Redondela e da Garda Civil, nas súas tarefas propias relacionadas con estas instalacións e coa Policía Portuaria de Vigo".
Escribe o teu comentario