Non é novo que a xente queira cambiar de país, mesmo de continente para mellorar as súas condicións profesionais ou persoais. A necesidade, a aventura forman parte desas decisións. Outra cousa ben distinta son os centos de persoas que chegan en pateras a España, Italia- agora moita menos polo goberno actual- e Grecia, fuxindo das guerras ou da miseria dos seus respectivos países. Non é unha opción voluntaria, é a pura necesidade que lles empuxan a iso, nunhas condicións inhumanas.
Destas situacións aprovéitanse os desaprensivos que fan negocio coas desgrazas destas persoas que para eles só son mercadorías que lle producen pingües beneficios. Teñen as mans manchadas de sangue, non lles importa. Lávanas con produtos caros pagos co diñeiro “roubado” aos centos de inmigrantes. É a crúa realidade destas persoas que se xogan as súas vidas, moitos a perden no traxecto cara ao que eles consideran a terra prometida que é para eles Europa. Un continente de dúas velocidades, quizais tres?
O problema non é de España, é un problema de Europa ao que ten que facer fronte. Que sucedería se España mirase para outro lado e deixasen pasar a todos os que chegan? A maioría deles, non queren quedar en España, pretenden chegar a outros países como Alemaña, Francia, Suecia, Suíza, Gran Bretaña, etc., onde lles explicaron que hai máis oportunidades de traballo e se vive mellor.
Non é un tema novo, senón que vén de lonxe. Por que en tantos anos se fixo tan pouco? É que a vida destas persoas vale menos que as dos europeos? Parece que é así. A sociedade non pode seguir permitindo que a situación continúe. O mesmo que se non se pode consentir que se faga política sucia con este tema. Non é ético, é inmoral.
Por que chegan agora máis persoas a España, pola fronteira marroquí? Sinxelamente, porque o país veciño quere máis diñeiro de Europa para controlar a inmigración. O pasado ano, recibiu 40 millóns de euros. A cifra parécelles insuficiente. Por iso, na actualidade, as autoridades marroquís son máis “permisivas” co paso das persoas. Cando chegue o maná económico que lle prometeron, Rabat cambiará de opinión e de novo producirase un maior control, seguro .
A reunión do presidente do Goberno Pedro Sánchez coa chanceler alemá, Angela Merkel, para falar do problema da inmigración, é significativa, non sabemos se para ben ou para mal. Verémolo en pouco tempo. Coñecedora agora da auténtica realidade e do drama humano que están a vivir os inmigrantes, serán capaces de levar o tema á Comisión Europea e expor distintas solucións que mitiguen o drama humano? Haberá que ser optimistas e pensar que isto poida suceder?
Ninguén pode quedar impasible sobre o drama humano que están a vivir centos de miles de persoas. Na gran vergoña de Europa.
Escribe o teu comentario