O castro de Barreiros convértese nun aparcadoiro de autocaravanas
ADEGA e Mariña Patrimonio denunciaron ao SEPRONA a utilización dun castro no concello de Barreiros como aparcadoiro de autocaravanas
Caravanas no Castro de San Pedro | Imaxe: ADEGA
ADEGA e Mariña Patrimonio denunciaron ao SEPRONA a utilización dun castro no concello de Barreiros, en Lugo, como aparcadoiro de autocaravanas. O Castro da Punta de San Pedro de Benquerencia "é un ben patrimonial incluído no catálogo das Normas Subsidiarias do Plan do Concello de Barreiros", expón a asociación ecoloxista.
O catálogo outórgalle, segundo o comunicado da ADEGA, unha cualificación urbanística de "chan non urbanizable de protección patrimonial", polo que consideran que a actividade actual como aparcadoiro de autocaravanas ou como lugar de tránsito de vehículos "non é compatible" coa súa protección. "Esta práctica podería estar a provocar danos no xacemento", declaran.
Ante esta situación, con actividades "probablemente" contrarias á normativa urbanística, e que poderían estarse levando a cabo sen as "correspondentes licenzas e autorizacións", desde ADEGA e Mariña Patrimonio solicitan que se comprobe se o uso do Castro de San Pedro "é conforme á legalidade". No caso de non selo, esixen que "se paralicen as actuacións contrarias a dereito nun ben patrimonial".
Escribe o teu comentario