Os substitutos de Educación xa non terán que estar pendentes do teléfono
A Consellería de Educación asinou unha adenda ao acordo que regula as condicións laborais do profesorado interino e substituto do ensino público galega. O novo texto introduce dúas medidas de calado que buscan modernizar o sistema e mellorar a estabilidade deste persoal: a eliminación da obrigación de presentar cada ano ás oposicións e a substitución do actual sistema de chamamentos telefónicos por unha aplicación informática.
Desde este curso, de forma experimental, Educación implantará un sistema de asignación de substitucións mediante unha aplicación dixital. Este novo procedemento substituirá ás tradicionais chamadas telefónicas, que obrigaban aos docentes a permanecer pendentes do móbil en horarios intempestivos.
A aplicación permitirá realizar os chamamentos a través de convocatorias electrónicas, utilizando os datos de contacto xa rexistrados na Consellería. Os candidatos disporán de 24 horas para ordenar as vacantes ofrecidas, co que se pretende axilizar os procesos e evitar posibles erros humanos ou interpretacións subxectivas que adoitaban xerar queixas e incidencias.
A Xunta confía en xeneralizar o sistema no curso 2026-2027, unha vez avaliouse o seu funcionamento inicial, coa expectativa de aumentar a transparencia e a eficiencia na cobertura de baixas do profesorado.
O persoal interino non terá que examinar cada ano
A outra gran novidade é a supresión do deber de presentar ás oposicións para manter a posición en listas. Até agora, o persoal interino debía participar periodicamente nos procesos selectivos, mesmo aínda que non aspirase a obter praza fixa. Coa adenda recentemente asinada, bastará traballar algún tempo como interino ou substituto para conservar o posto na listaxe.
Segundo informou a Consellería, esta modificación ten como obxectivo reducir a carga burocrática e mellorar a conciliación persoal e familiar das persoas afectadas. Tamén facilitará o traballo dos tribunais e a xestión administrativa nos procesos de selección, que este ano arrincarán o 20 de xuño con 1.601 prazas en 42 especialidades.
O acordo foi rubricado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e os representantes dos sindicatos CC.OO., ANPE, UXT e CSIF. A central #CIG-Ensino non asinou, ao considerar que as medidas quedan curtas na mellora de dereitos do persoal temporal.
Valoracións sindicais enfrontadas
O presidente de ANPE Galicia, Xullo Trashorras, celebrou as dúas medidas como “un logro froito do traballo conxunto das organizacións sindicais asinantes”. Na súa opinión, “non son concesións improvisadas, senón o resultado de anos de negociación”.
Desde #UXT-Ensino, Cristóbal Salgueiro coincidiu en destacar que a adenda “vai axilizar os procesos” e que responde as peticións continuadas da comisión de seguimento do acordo orixinal. Tamén CC.OO. Ensino, a través do seu secretario Borja Campos, valorou que o novo sistema permitirá unha “distribución de prazas máis realista, axustada a quen realmente queren optar a unha praza fixa”.
Pola súa banda, #CSIF Ensino cualificou as modificacións como “un avance en dereitos e sentido común”, subliñando que o antigo sistema xeraba desprazamentos e trámites innecesarios. A súa presidenta, Rosa Silva, pediu con todo garantías de funcionamento na nova aplicación, para evitar erros ou posibles sanciones aos docentes.
A CIG ve unha ocasión perdida para a estabilidade
No lado crítico, a secretaria nacional de #CIG-Ensino, Laura Arroxo, lamentou que a Xunta perda “ unha nova oportunidade para mellorar de verdade as condicións do persoal interino e substituto”.
O sindicato nacionalista defende que deberían haber incorporado cláusulas de estabilidade para os interinos con maior antigüidade e o pago do verán aos substitutos con máis de cinco meses e medio traballados. Tamén cuestiona o actual “sistema de penalizacións” para a adxudicación de vacantes, que prevé exclusións temporais das listaxes se non se xustifican correctamente certas renuncias ou si non se solicitan todas as prazas obrigatorias.
Escribe o teu comentario