RedMadre logra 78.500 € das axudas da Xunta a mulleres en situación de vulnerabilidade
A organización antiabortista promovida polo Foro Español da Familia recibiu case 166.000 euros nos últimos dous anos das axudas da Xunta a programas dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade
A organización antiabortista promovida polo Foro Español da Familia, RedMadre, foi beneficiada con 78.477,85 euros nas axudas da Xunta de Galicia a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade de 2018.
Entre os beneficiarios da resolución de este xuño, pola que a Secretaría Xeral de Igualdade outorga subvencións por 1.580.700,27 euros, figuran as delegacións de RedMadre da Coruña, con 31.677 euros para o programa Briana de información, asesoramento e acompañamento a "toda muller gestante ou lactante en situación de vulnerabilidade"; de Pontevedra, con 30.864 euros para o programa Nais e fillos; e de Ourense, con 15.707 euros para a mesma proposta. Este proxecto apoia a "embarazadas e nais recentes" con axuda material e apoio emocional ou psicolóxico, entre as cales, segundo datos do 2015, hai mulleres inmigrantes, menores de 20 anos, sen emprego e en situación de precariedade económica.
Súmanse así ás subvencións xa obtidas pola organización en 2017, cunhas axudas destinadas a mulleres en situación de vulnerabilidade de 165.930 euros nos últimos dous anos.
ORGANIZACIÓNS LIGADAS Á IGREXA OU CONTRARIAS AO ABORTO
De igual modo, figuran tamén na lista de beneficiarias organizacións ligadas á Igrexa católica como Cáritas Diocesana de Santiago - Interparroquial A Coruña, que recibe 16.020 euros para o seu programa materno-infantil; e a Diocesana Tui-Vigo, cun montante de 15.744 euros para Agarimo III.
O primeiro baséase na escoita e asesoramento de mulleres embarazadas ou nais con "fincapé no programa ao fomento da lactación materna", como explica Cáritas na súa web, e entréganse aveños de bebé. Agarimo III, pola súa banda, busca mellorar a situación "de desvantaxe social para lograr a plena integración social" de mulleres en situación de vulnerabilidade.
Tamén reciben axudas a Congregación Siervas de la Pasión (31.844 euros fronte aos 33.376 do ano pasado), no programa Atención psicosocial a mulleres xestantes e/ou lactantes con nenos/as menores de dous anos; e a Asociación Ayuda a la Vida (Ayuvi), con 23.843 euros para financiar o programa Ti Podes de cobertura ás "necesidades básicas infantís" e talleres e charlas para "resolver dúbidas que as nais teñan sobre o seu coidado e o dos seus fillos".
"ASOCIACIÓNS REACCIONARIAS EN CONTRA DOS DEREITOS DAS MULLERES"
A relación entre RedMadre e o Goberno autonómico foi obxecto de numerosas críticas desde a oposición nos últimos anos. En abril de 2017 a deputada de En Marea, Paula Quintero, instou no Parlamento a a Xunta a "deixar de subvencionar a asociacións reaccionarias que van contra os dereitos das mulleres".
O grupo parlamentario presentou unha iniciativa para saber por que a Xunta "está a desmantelar servizos públicos, como os centros Quérote, para delegar tarefas en organizacións como RedMadre", que ofrece "baixo o pretexto de asesoramento, adoctrinamiento ideolóxico de marcado carácter conservador".
Tamén o PSdeG pediu explicacións ao goberno popular en numerosas ocasións por estas relacións. En agosto de 2011, a entón portavoz de Política Social, Beatriz Sestayo, denunciou que a Xunta denegaba axudas "a unha longa lista" de concellos para os seus centros de información á muller (CIM), recaendo así os fondos en asociacións "prol RedMadre". "Empezan a notarse os primeiros efectos da Lei Familia", declarou Sestayo, que reclamaba ao Goberno autonómico saber se "os programas alternativos" aos CIM baséanse na "promoción de políticas antiabortistas".
Escribe o teu comentario