"As oposicións de educación son un ERE masivo dentro dos traballadores temporais"

Galiciapress fala coa portavoz do USDG, sindicato que realizou varias denuncias acerca das oposicións de educación que se celebran estes días por todo o territorio español. 



|

  • "Non se pode descargar agora en que os tribunais son soberanos, porque son soberanos en base a unha orde, non ao que queira facer cada tribunal e a responsabilidade maior é da Consellería de Educación", critica Rodríguez 
  • Consideran que "hai unha orde" para que se "puntúe á baixa", explica a portavoz, "porque é significativo que suspenda tantísima xente e practicamente pasen o mesmo número [de persoas que] de prazas ofertadas" 


Oposicionessilleda


Unha "escabechina" e un "ERE encuberto". Así se refire a portavoz da Unión Sindical de Docentes de Galicia (USDG), Conchi Rodríguez, ás oposicións de Educación que continúan esta semana por todo o territorio español. "A porcentaxe de aprobados despois dunha primeira proba teórica e eliminatoria é baixísimo", declara


"Xa advertimos desde antes de que empezasen as oposicións que este concurso está totalmente falseado", acusa a portavoz do sindicato. Rodríguez refírese ao persoal temporal, un colectivo que, segundo a Unión Europea, "está a traballar en fraude de lei" polo "abuso de temporalidade" da Administración pública. "Estamos a falar de xente que leva 10, 15, 20 anos traballando e que non se lles quere recoñecer a fraude de lei, que non se lles quere pagar os complementos, e que se queren penalizar a través dunha oposición pechada e eliminatoria, unha proba teórica que non demostra as capacidades", declara Conchi Rodríguez a Galiciapress


Desde USDG, baseándose nos datos e nunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Castela e León do ano 2009 "que ten probado que desde a Consellería daban recomendacións, suxestións e criterios de rebaixa xeneralizada das cualificacións para evitar o exceso de aspirantes que superen o 5", consideran que "hai unha orde" para que se "puntúe á baixa", explica Rodríguez, "porque é significativo que suspenda tantísima xente e practicamente pasen o mesmo número [de persoas que] de prazas ofertadas". 


"Pensamos que é unha escabechina, un ERE encuberto aos traballadores que levan anos demostrando experiencia e capacidade", condena a portavoz, que considera que o criterio de igualdade de mérito e capacidade "non se aplica" e é "absolutamente discriminatorio cos traballadores temporais". Conta que o persoal que se atopa nesta categoría estivo a traballar nos seus respectivos centros "ata practicamente o día anterior ás probas" sen permisos. 


"CASOS PUNTUAIS" 

Ao fío das declaracións realizadas polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, ante as acusacións dos problemas e que tiveron candidatas e candidatos durante a realización das probas, Conchi Rodríguez "supón" que o mandatario non coñece as condicións das que fala, porque son "cuestións puntuais que a algunhas persoas fixéronlle ter que abandonar a proba"


Fala, entre outras cousas, das altas temperaturas que se vivían nos espazos de realización dos exames. "Moitas veces é un problema que xa hai habitualmente nos colexios cando chega a primavera,  e por encima de 26-28 graos non son hábiles para dar clases", di. 


Expuxéronse máis obstáculos durante as probas. Rodríguez explica que o sindicato recibiu queixas porque houbo probas "que foron mal expostas", mesmo con resultados erróneos. Ante as revisións, "díxoselles desde o tribunal nun primeiro momento que se lles compensaría o tempo. Logo dixeron os presidentes que de compensar o tempo nada". 


CUALIFICACIÓNS OPACAS E TRIBUNAIS "AUTÓNOMOS"

Á hora de entender as cualificacións, e a pesar de que o USDG pediu que se publicasen o mesmo día que as probas, "non se pode saber os criterios que hai". "Houbo criterios que se puxeron despois de realizar a proba, e desde logo todo isto non demostra un proceso transparente, obxectivo nin nada que se lle pareza". A portavoz de USDG considera que a publicación a posteriori "verifica que hai reaxustes nas cualificacións". 


Doutra banda, acusa o conselleiro de delegar responsabilidades nos tribunais, ao reiterar este que son "soberanos e autónomos nas súas decisións". "Un tribunal pode ter criterio, pero todos terán que seguir una mesma liña. Non se pode descargar agora en que os tribunais son soberanos, porque son soberanos en base a unha orde, non ao que queira facer cada tribunal, e a responsabilidade maior é da Consellería de Educación", critica Rodríguez. 


OS SINDICATOS DE EDUCACIÓN

A portavoz da Unión Sindical de Docentes de Galicia explicou que a central nace, "como moitas outras", de forma independente. Defende que non está "na liña" dos sindicatos maioritarios, aos que acusa de apoiar a situación que vive o persoal temporal. 


"Ata agora ao Goberno e sindicatos lles conviña moito ter traballadores temporais, porque eran máis baratos e podíanos botar á rúa cando quixesen". Tras o ditame da Unión Europea sobre a fraude de lei que supoñen estes contratos, que deberían ter un máximo de 2 anos e "hai xente que leva 10", "como están nas mesmas condicións" que o persoal fixo "compensa un macro ERE na Administración". 


"Non estamos na liña dos sindicatos que agora poden rasgar as vestiduras se queren, pero que son os asinantes dese acordo de oposicións ata o 2020", condena Rodríguez. 


"OUTONO QUENTE"

Ante esta situación, o sindicato aventura un "outono quente de mobilizacións e protestas". "Este proceso é un ERE encuberto polos sindicatos de clase, que se fan chamar, aínda que non sabemos a que clase refírense", sentenza. 



Conchi rodirguez usdg

Conchi Rodríguez

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE