Malestar empresarial coa Xunta polos plans de RdG de comprar parques e activos a Acciona e outras 10 firmas
Se o prezo que se paga á construtora é o que se publicou, sería un mal negocio para Recursos de Galicia e o país, advirten. Ademais, o xiro intervencionista non sentou ben nun sector que leva anos paralizado por, precisamente, a guerra xudicial desatada ao fío das decisións da Xunta.
Os plans de Recursos de Galicia (RdG) de comprar participacións empresariais en eólicas, mineiras e a fins no país abarcan xa a, polo menos, 11 empresas. Así o reflicte hoxe La Voz de Galicia tras unha filtración suponse procedente da contorna da empresa galega e que chega tras a filtración o día anterior a Expansión dunha oferta de RdG polos 26 parques eólicos de Acciona, filtración que supón procede da contorna da construtora navarra, que anda en proceso de facer caixa vendendo activos.
Dada a natureza de RdG, o movemento é moito máis relevante que a mera intención dunha empresa de investir noutras. RdG non é unha empresa privada común, é unha compañía pública-privada. O principal actor é a Xunta, que ten o 34%.
Por tanto, movementos de tal calibre supoñen un xiro copernicano nun Goberno liderado polo Partido Popular, que en teoría enarbora unha ideoloxía liberal, na que o sector público non se inmisce directamente na produción económica e, moito menos, asume a propiedade, aínda que sexa parcial, de medios os medios de produción, un dos postulados do marxismo.
Un cambio de estratexia que non se ve con bos ollos nalgúns sectores empresariais, celosos ante o que perciben como un xiro populista das políticas de Alfonso Rueda nun sector, o eólico, que leva lustros trabado tras a colisión entre as normas ditadas pola Xunta e o criterio dos maxistrados do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Quizá isto explique porqué RdG está a ser remiso a oficializar calquera negociación. Consultadas hoxe fontes oficiais sobre a filtración das negociacións con 11 empresas, remitíronse á comunicación de onte, na que nin confirmaban nin desmentían a negociación con Acciona.
O obxectivo declarado pola Xunta cando lanzou RdG xunto a moito -pero non todos- os grandes nomes do empresariado galego foi lograr que unha maior parte dos beneficios das enerxías renovables, minería e similares quedase no país mediante, por exemplo, tarifas eléctricas máis baratas. Ademais do beneficio económico para o país, a Xunta lograría así rebaixar en parte o desgaste político que lle supón pór habitualmente ao lado das empresas fronte aos veciños que protestan polo impacto ambiental que teñen que soportar polas actividades extractivas ou de produción de enerxía.
Valen os parques eólicos galegos de Acciona 700 millóns de euros?
Dado que a construción de novos parques eólicos está practicamente paralizada polo conflito xudicial, RdG parece que está a tentar comprar activos existentes. De feito, xa comprou un parque eólico ao Banco Sabadell (tamén se fixo co 10% da mina de litio de Doade que promove Samca).
Con todo, os plans filtrados estes días son dun calibre moito maior que a adquisición dun simple parque eólico. Os 26 parques eólicos en Galicia que Acciona quere vender ten un prezo duns 700 millóns, segundo Expansión. Unha cifra que fontes do sector consultadas por Galiciapress consideran un mal negocio para a Xunta e para os seus socios en RdG (Ence, Copasa, Abanca, Finsa, etc.).
Sería un prezo por megawatt, aproximadamente, similar ao pago polo parque de Mondigo ao Sabadell, de case 50 megawatts polo que se pagaron uns 70 millóns de euros.
Hai que ter en conta que os parques eólicos que quere vender Acciona en Galicia son bastante vellos, polo que deberían someter a repotenciación. É dicir, cambiar moitas máquinas vellas e de pouca potencia, por menos aeroxeradores moito máis poderosos. E iso vale diñeiro. Canto? Uns 600 millóns, estiman fontes do sector. É dicir, case o mesmo que aspira recibir Acciona pola venda.
Acciona é o terceiro operador máis importante de eólica en Galicia na actualidade. Dispón duns 550 megawatts en 26 parques eólicos.
Escribe o teu comentario