"O crecemento de Cidadáns en Galicia é moi notable con máis de 6.000 inscritos"

En xullo de 2017, recuperaba a portavocía autonómica de Ciudadanos, despois de que en xaneiro do ano anterior anunciase un paro para centrarse na súa labor no concello de Lugo. Actualmente compaxina os cargos de voceira do partido a nivel local e a nivel autonómico. Olga Louzao conversa con Galiciapress sobre o futuro do partido laranxa en Galicia, de cara ás eleccións locais de 2019 e as autonómicas de 2020. A súa candidatura, a mina de Touro, a igualdade e o uso do galego son outros temas sobre os que se pronunciou a líder dos laranxas en Galicia


|

En xullo de 2017, recuperaba a portavocía autonómica de Ciudadanos, despois de que en xaneiro do ano anterior anunciase un paro para centrarse na súa labor no concello de Lugo. Actualmente compaxina os cargos de voceira do partido a nivel local e a nivel autonómico. Olga Louzao conversa con Galiciapress sobre o futuro do partido laranxa en Galicia, de cara ás eleccións locais de 2019 e as autonómicas de 2020. A súa candidatura, a mina de Touro, a igualdade e o uso do galego son outros temas sobre os que se pronunciou a líder dos laranxas en Galicia


Olga louzao ciudadanos lugo



Achéganse as eleccións municipais en Galicia, que terán lugar o ano que vén. Cales son as expectativas de Cidadáns na comunidade?


Cidadáns en Galicia non se pon uns máximos nin uns mínimos. Temos representación nalgúns concellos. A nosa intención é crecer nos que xa estamos e ser unha alternativa de goberno clara nalgúns concellos e tamén ter representación nos que non estamos. Agora mesmo o crecemento de Cidadáns en Galicia está sendo moi notable e moi positivo, imparable. Xa estamos en máis de 6.000 inscritos rondando os 1.000 afiliados en Galicia, con implantación en trinta e oito concellos. 


Creo que nos próximos meses se irán abrindo novos grupos locais e agrupacións e polo tanto as expectativas son moi positivas. Presentarémonos naqueles concellos nos que existe unha candidatura exemplar, queremos facer un moi bo traballo nos concellos os próximos anos e iso é ao que nos estamos dedicando agora mesmo: preparar o programa para as municipais para os concellos nos que nos presentemos e seguir abrindo grupos locais e agrupacións nos próximos meses.


As enquisas son favorables nas grandes cidades, onde Cidadáns conseguiría ou aumentaría a representación en practicamente todas, mais como planea a formación calar no rural?


Xa se están abrindo moitos grupos locais en concellos máis pequenos. Non nos queremos esquecer porque é moi importante, sobre todo porque vemos a cotío que a situación do rural está sendo completamente esquecida polos gobernos que agora mesmo teñen. Si que haberá representación nos concellos, non en todos seguramente, pero si nos máximos onde poidamos facer un bo traballo. O importante non é a cantidade senón a calidade desas candidaturas, e o traballo que se faga a posteriori. Pero é indiscutible a importancia do rural en Galicia e nós tamén queremos contribuír co noso traballo nese aspecto nos concellos máis pequenos.


As enquisas, como diciamos, auguran un crecemento do partido. De que partidos pensa que proveñen as persoas que votarían por Cidadáns?


Nos concellos a xestión é fundamental, e a percepción que teñen os cidadáns do funcionamento da actividade que fan os gobernos é moi negativa en moitos deles. Temos o caso de Pontevedra, temos o caso de Santiago, temos o caso da Coruña, temos o caso de Lugo, que eu coñezo perfectamente, e polo tanto creo que é importante neses concellos ofrecer unha candidatura ilusionante, unha candidatura que estea centrada nos problemas que teñen esas cidades e eses concellos máis pequenos, e ofrecer unha alternativa de goberno. A cidadanía xa reclama isto porque a xestión está sendo nefasta en moitos destes concellos. É a administración máis cercana e polo tanto os gobernos, os partidos que agora mesmo teñen a oportunidade de estar gobernando, non están aproveitando e están esquecendo esa labor que é tan importante.


O pasado mes de maio confirmou a existencia de negociacións co exconselleiro do PPdeG Javier Guerra e compañeiros de partido que se sumarían ao proxecto. Tamén falou de conversas con cargos do PSdeG. Podemos coñecer algo máis desas charlas?


As conversas que se manteñen con diversas persoas do ámbito político de outros partidos pasarán, se finalmente se levan a cabo e entran a formar parte como afiliados máis do partido, os procesos seguindo o estatuto do partido que é o que rixe as candidaturas e o funcionamento das agrupacións. Polo tanto estas persoas, as que sexan, tanto coñecidas ou non coñecidas, forman parte deste corpo e desta base e se presentarán se queren optar a algún posto segundo está establecido nos estatutos e no regulamento. Non é tan importante que nomes ou persoas senón o traballo e o que van a contribuír ao desenvolvemento do noso partido en Galicia.


Teño entendido que esas conversacións se están a desenvolver co partido a nivel estatal.


No caso concreto de Javier Guerra si que foron unhas conversas a nivel nacional pero nós tiñamos constancia desas conversas. Foron unhas conversas persoais que non tiñan ningún tipo de connotación política que desencadearon no que desencadearon e non é que eles estén levando as conversas, foi por unha relación persoal que desencadeou nesta posibilidade.


Pero iso implica que hai moito descontento de persoas que foron representantes e que incluso pertenceron a outros partidos políticos que non se senten a gusto neles.  Isto é un indicativo moi grande de como funcionan o resto de partidos , de que non se senten representados, non se senten a gusto co traballo que están a realizar e ven en Cidadáns outro partido, outra forma de entender a política, con outras directrices de traballo distintas, e creo que isto tamén é o que se vislumbra por parte da cidadanía.


Cando coñeceremos as candidaturas de Cidadáns para as municipais de 2019?


Esta foi unha decisión que se tomou a nivel nacional e a intención é que se presenten xuntas, de forma conxunta, a finais de ano. Queremos de momento respectar esa decisión, se hai algún tipo de cambio anunciarase, pero en principio a intención é facelas dun xeito conxunto a finais deste ano.


Recentemente desmentiu unha serie de conversas que anunciou o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, de cara as eleccións do ano próximo.


Non existiron esas conversas. Saímos ese mesmo día para comunicar que non existe ningunha conversa con Cidadáns de forma directa en ningún momento. Aparte creo que hai máis xente na Deputación, non só Manuel Martínez, [como] o Partido Socialista, que ten o goberno, e o Partido Popular que é todo o contrario do que é Ciudadanos e da forma de entender a política. En Lugo, que o vivimos dun xeito moi directo e estamos moi pendentes, vemos que o funcionamento da Deputación, que ten que ser unha Administración ao servizo das provincias, dos concellos e con unha xestión eficaz, non está sendo así. Está sendo un esperpento político absoluto. Aquí vivímolo así e a cidadanía está vendo que non só responde a intereses partidistas e persoais, senón que está esquecendo por completo o funcionamento real e que debería ter.


Cales son entón as expectativas do seu partido na Deputación de Lugo?


Todo o mundo coñece a postura que ten Cidadáns en relación ao funcionamento das deputacións. Está claro que a súa supresión non depende da nosa intención local ou provincial, senón que é unha reforma que vai moito máis alá. Cando teñamos a oportunidade de poder cambiar será un punto importante que se levará a cabo. A nosa intención de cara a se se entra nas deputacións é ser ese partido que vixía e controla que se leva a cabo o funcionamento correcto nas deputacións.


Olga Louzao será candidata a presidir a Xunta de Galicia en 2020?


Olga Louzao de momento ten un traballo moi arduo no Concello de Lugo como voceira, tamén traballo moi responsable e moi comprometido sendo a voz do meu partido en Galicia e aínda para as eleccións autonómicas queda moito camiño. É moi importante a xente que se está sumando a este proxecto, eu estou convencida de que calquera afiliado ou persoa que se presente será un candidato ou unha candidata moi bo ou moi boa. Isto son supostos, de momento o meu compromiso está aquí, en Lugo, en facer un bo traballo e os resultados están véndose.


A súa formación postulouse en contra do proxecto da mina de Touro e vén de rexistrar unha serie de preguntas no Parlamento sobre o tema. Cal é a súa postura?


Entendemos que hai moitas lagoas neste proxecto, que pode haber moitos problemas a nivel medioambiental que afecten a esta zona de forma concreta, e a decisión da mina de Touro ten que estar baseada nos prexuízos que pode causar a esta zona, todos os problemas medio ambientais que poidan acontecer. Estamos falando dun proxecto moi amplo, e porque xa foi posto non só polas plataformas que se manifestan contra a mina de Touro senón tamén por outros partidos políticos que é preciso tomar unha decisión acorde coa mina de Touro. Nós rexistramos estas preguntas no Parlamento para que a Xunta de explicacións, asuma a responsabilidade que ten neste proxecto e tamén para que reciba e escoite e non se apoie nesta maioría absoluta que ten, e escoitar o que teñen que dicir as plataformas creo que é fundamental para poder tomar unha decisión.


Estamos falando dun proxecto que pode ter repercusións negativas non só a longo prazo, senón tamén a curto, e temos que defender que o noso territorio se manteña coidado para que este tipo de actuacións ou proxectos non afecten ao noso entorno.


Que valoración fai da actitude da Xunta neste ámbito?


É moi importante cando un goberno ten que tomar unha decisión, a que sexa, ter todas as cartas sobre a mesa e saber que opinan o resto de partidos políticos, saber cales son as posturas que manteñen as plataformas e os veciños ou veciñas afectados, sobre todo cando estamos falando de proxectos tan importantes. Non se pode escudar no silencio, nin en non ter unha capacidade de escoita e de diálogo necesario neste tipo de proxectos. A Xunta de Galicia neste sentido non se pode escudar na súa maioría absoluta, no rodillo da comodidade, e saber que goberna para todas as galegas e galegos incluídas aquelas persoas que se manifestan en contra da mina.


Outro tema do que non se pode deixar de falar é o feminismo. Que políticas de igualdade ten Ciudadanos na nosa comunidade?


Na Xunta de Galicia estase a levar a cabo este plan de conciliación que nós entendemos que non está a ter os resultados que se precisan. Galicia neste momento ten un problema gravísimo. Creo que é a terceira comunidade das máis envellecidas de España e ten que ter este tema para poder poñer solucións. Ademais do plan que se pon en marcha ten que existir despois un report, unha auditoría, saber que fallou e que funcionou, e iso non se está a facer con ningún dos plans que pon en marcha a Xunta de Galicia. 


Desde Cidadáns xa o fixemos a nivel nacional, temos un compromiso moi elevado con este tema e de feito presentamos hai uns días a nosa lei a nivel nacional de conciliación porque cremos que si que hai aspectos que se deben regular por lei para poder atallar este problema, sobre todo na conciliación. Hai que poñer na mesa medidas reais que beneficien tanto aos pais como ás nais. 


Tamén o fixemos nos concellos: presentamos fai pouco en todos os concellos de Galicia unha moción para que as administracións locais, que agora mesmo é onde temos representación, poidamos rachar coa brecha salarial, que se poida controlar con aquelas empresas que se contratan desde os concellos e cremos que si é posible dar pasos neste sentido, e sobre todo en Galicia, que é determinante e moi preocupante pola situación que temos na nosa comunidade. Falábase estes días de que Galicia era líder en exportación pero o que máis exportamos e do que ninguén fala é do talento, necesitamos que ese talento volva, que os nosos xoves, a xente preparada que se formou en Galicia, retorne á nosa comunidade.


Outro tema de obrigada conversa é o uso do galego.


O galego é algo moi noso. O galego non é patrimonio de ningún partido e entendemos que a lingua non pode ser un síntoma de enfrontamento. Os galegos falamos en galego, tamén falamos en castelán, e creo que non hai que patrimonializalo e o sentimento de galegos non se pode medir por quen fale máis ou menos galego


As dúas linguas son cooficiais, está claro que hai que respetalas, e sabedes que Cidadáns avoga sempre por aquelas comunidades nas que existe unha lingua cooficial. Que todas teñan o mesmo nivel de protección, de uso, e tamén co inglés. Falamos de trilingüísmo. O inglés nestes momentos é o idioma que precisamos e por desgracia non temos esa facilidade para poder optar a unha fluidez do inglés que nos axude tamén na nosa vida profesional, sobre todo para os que están agora detrás, que podan ter de forma conxunta o estudio e a preparación dos tres idiomas. Polo tanto o galego non pode ser un arma de confrontación, hai que facelo de forma natural e que cada un o empregue, o fale e o utilice, pero estamos falando de cooficialidade que tamén hai que respetala. 




relacionada Ciudadanos sobre Feijóo: "O compromiso xa era Galicia fai quince días"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE