Dous acontecementos importantes tiveron lugar este sábado: a toma de posesión de Pedro Sánchez como presidente o Goberno de España e case á mesma hora, a toma de posesión dos novos consellers da Generalitat de Catalunya.
O acto solemne no Palau foi un canto ao independentismo, os presos políticos, a República Catalá e a obediencia cega á consulta ilegal do 1 de outubro, que é para eles a vontade do pobo de Catalunya. É dicir, menos da metade da cidadanía.
O discurso de Torra, na mesma liña de Puigdemont, non foi unha mensaxe de esperanza á unidade de todos os cataláns para empezar a pechar feridas, senón un canto á independencia. Torra presidente de todos? Non. Quedou moi claro cales seguen sendo as súas intencións, que son as mesmas que o seu xefe Puigdemont.
A posta da pancarta no balcón do Palau, con lazo amarelo, mensaxe en catalán e inglés a favor dos presos “políticos”, foi a demostración dun goberno dunha parte -non maioritaria- dos cataláns.
O panorama que se presenta no Estado non é nada halagüeño. O novo presidente, Pedro Sánchez, ten un goberno débil, conta con 84 deputados, e cuns partidos que fixeron posible a súa chegada á Moncloa que lles van a cobrar caro os seus votos.
No caso de ERC e o PDeCat xa se sabe o cariz das súas pretensións. Podemos xa está defraudada porque non van formar parte do Executivo e en calquera momento pode cambiar de opinión. A todo isto, hai que engadirlle que a Mesa do Parlamento contrólana o PP e Cidadáns. No Senado, a maioría do PP é esmagador, teraa en contra, por razóns obvias.
O primeiro problema de Sánchez é o desafío dos independentistas: a continuidade co seu proxecto de República Catalá. Viuse este sábado Que vai facer o presidente socialista ante isto? Aplicar de novo o 155? Non darse por decatado? Negociar con Torra?
A negociación que expuxeron os gobernos de Puigdemont antes, e agora Torra é ben sinxela: negociar que se acepten as súas pretensións e que se lle dea a bendición... Non é unha negociación, é unha imposición, así de claro.
O PSOE de Sánchez meteuse nun bo lio. A moción de censura está ben presentada, o que non é de recibo é pretender gobernar nas condicións nas que o ten que facer: prisioneiro doutros partidos que non lle deron o seu voto gratuitamente. A convocatoria de eleccións inmediatas é a mellor opción para os socialistas; non se fará, a Sánchez, gústalle moito o poder.
Dicía George Bernard Shaw que “O home pode rubir ata os cumes máis altos, pero non pode vivir alí moito tempo”.
Escribe o teu comentario