Anova chama a refundar En Marea canto antes
Como leva semanas advertindo Galiciapress, o grupo parlamentario no Parlamento Galicia de En Marea camiña cara á escisión e poida que tamén a propia confluencia. Hoxe o principal partido nacionalista do líder da oposición, a ANOVA de Beiras e Noriega, deixou claro que non lle vale dirección de Luís Villares, á que considera unha "rémora" sen propósito de emenda. Como tampouco lle vale a Podemos Galicia e a moitas das mareas municipalistas.
Como leva semanas advertindo Galiciapress, o grupo parlamentario no Parlamento Galicia de En Marea camiña cara á escisión e poida que tamén a propia confluencia. Hoxe o principal partido nacionalista do líder da oposición, a ANOVA de Beiras e Noriega, deixou claro que non lle vale dirección de Luís Villares, á que considera unha "rémora" sen propósito de emenda. Como tampouco lle vale a Podemos Galicia e a moitas das mareas municipalistas.
Beiras na reunión do Consello de ANOVA este sábado
Anova-Irmandade Nacionalista criticou o rumbo tomado pola dirección de En Marea que encabeza Luís Villares e instou aos actores que conforman a esquerda rupturista a "reconstruír o espazo de unidade popular galego" de maneira "inmediata" para poñer freo ao "proceso de perda constante dos principios e valores".
DURÍSIMO ATAQUE A VILLARES
"A actual dirección de En Marea non representa a día de hoxe a pluralidade do conxunto do espazo e non mostra vontade de selo. Esta laxa que padecemos desde a conformación do Consello das Mareas xera disfuncións importantes e limita a capacidade de intervención política de En Marea", reza o comunicado difundido por Anova tras a reunión da súa coordinadora, celebrada este sábado en Teo (A Coruña).
A reunión contou coa presenza do portavoz nacional da formación nacionalista, Antón Sánchez; o histórico dirixente nacionalista, Xosé Manuel Beiras; ou o alcalde de Teo, Rafael Sisto, quen esta mesma semana anunciou a súa baixa como inscrito de En Marea por diferenzas coa maneira de proceder da dirección e o "proceso inquisitorial" ao que, segundo argumentou, someteron á deputada Paula Quinteiro.
VOLVER ÁS ORIXES
Así as cousas, Anova aposta por retomar os "consensos fundacionais" de En Marea establecidos na asemblea constituínte celebrada en Vigo a finais do mes de xullo de 2016. "O ocorrido en En Marea os últimos meses é un proceso de perda constante dos principios e valores cos que naceron os procesos de unidade popular en Galicia", censuran.
Anova cre que a dirección de En Marea centrou "as enerxías da organización en procesos internos" que cre "menores"; en referencia, aínda que non fai mención explícita a iso, ao pulso que mantén coa parlamentaria Paula Quinteiro desde mediados do mes de marzo.
Todo iso, segundo apunta o comunicado, nun contexto de "loita social na rúa" e de "avance da ultradereita xenófoba en Europa e o Estado español". "Cando unha organización está tan lonxe das demandas que a apoiaron no seu momento para ser voz da indignación, non cumpre cos obxectivos para os que naceu", engade.
REFUNDAR EN MAREA
Así as cousas, Anova ve necesario emprender "de maneira inmediata" un proceso "colectivo" para reformular En Marea no que se "acheguen novamente" os sectores que conforman o universo rupturista en Galicia.
A pesar de que existe un grupo do partido nacionalista que forma parte xunto con Cerna (organización escindida da propia Anova) e algunhas mareas municipalistas do sector que controla a dirección política de En Marea encabezada por Villares, a liña oficial de Anova mostrouse crítica co rumbo emprendido polo partido instrumental desde as eleccións aos órganos políticos que abriron un cisma no seo rupturista e que se viu acentuado pola xestión do caso Quinteiro.
SEGUIR O EXEMPLO DAS CONFLUENCIAS LOCAIS
No comunicado emitido este sábado, a organización nacionalista asegura que a dirección de En Marea está controlada por un sector que "non representa a pluralidade do conxunto do espazo", o que supón unha "laxa" que padece o proxecto rupturista.
Por iso, chama a que se inicie un proceso de reconfiguración do proxecto partindo do exemplo das mareas municipalistas e, ante todo, tendo en conta que as eleccións locais do próximo ano serán "decisivas para dar continuidade á unidade popular".
Deste xeito, remarca que "é necesario reconducir" a situación de maneira "inmediata" a través dun "proceso colectivo aberto onde participen mareas, colectivos sociais, organizacións e persoas que aposten pola reconstrución dun espazo de unidade popular que debe ser plural, mestizo e de ruptura".
Escribe o teu comentario