Cando lles escribo esta breve reflexión, Carles Puigdemont acaba de anunciar o nome do seu sucesor, Quim Torra, para ocupar a Presidencia da Generalitat que nunca debeu quedar vacante.
Como a historia xa non ten volta atrás e temos unha Catalunya completamente dividida, algúns pensamos que o importante é tentar volver á normalidade, aínda que esta teñamos que finxila no día a día da convivencia e a rutina. Trátase, en resumo de conseguir a cuadratura do círculo, algo que sempre se dixo que é imposible para os seres humanos afeitos a romper o equilibrio das cousas.
Como non son independentista non espero que o Señor Torra me alegre a vida, pero si que faga honra ao seu cargo e goberne con equidade e eficiencia. Será o meu President, cabreareime, como sempre o fixen con todos os seus antecesores, se se lle falta institucionalmente ao respecto, o cal non quere dicir que tampouco me gustará se o novo inquilino de Sant Jaume teima só en impoñer as súas ideas e as dos seus votantes.
Oxalá que teña éxito e podamos volver ser un só pobo nunha Catalunya plural. Ao goberno de Madrid tocaralle non poñer trabas ao desexo compartido da maioría dos cataláns de que hai que acabar coa actual situación na que vivimos e por tanto, terá que arrimar o ombreiro, e o Xuíz Llarena revisar a instrución.
Chegou o momento de enterrar os medos e as desconfianzas e como na película do ano 81 de Garci: Volver empezar. Como Vds. ben lembrarán, o filme non tivo un gran éxito na súa estrea, pero despois, gañou un Óscar e o mundo do cinema rendeuse ao xenio do director asturiano. Algo que ben podería suceder a nivel político internacional se o Señor Torra e o seu Govern acertan coas súas decisións e vanlle ben as cousas.
Escribe o teu comentario