O Defensor do Pobo considera que a Xunta "non colabora" en informar da degradación ambiental da Mina de Touro
"Os casos como os de Touro, Valdeorras, Monte Neme, Triacastela ou San Finx non deixan de ser un recordatorio dos efectos da actividade extractiva", declara a asociación Salvemos Cabana.
Río Portapego (Touro) | Imaxe: Salvemos Cabana
Tras as declaracións no Parlamento do conselleiro de Economía, Francisco Conde, nas que cualifica a minería como unha actividade "sustentable", a asociación Salvemos Cabana fixo público un comunicado de condena cara ás súas palabras.
"Seguiremos actuando conforme á legalidade, ao interese xeral dos galegos e defendendo a un sector que crea emprego: unha minería responsable, sustentable e moderna", anunciou Conde este mércores. A plataforma contrasta as súas palabras co último informe anual da Oficina do Defensor do Pobo, onde considera á Consellería de Economía, Emprego e Industria como Administración "non colaboradora ou entorpecedora" tras un terceiro requirimento de información sobre a degradación ambiental provocada pola actividade mineira en Touro.
"A situación actual de falta de control sobre o sector extractivo está a deixar en evidencia a inacción de distintos departamentos da actual Administración galega", sentenza Salvemos Cabana.
Extracto do informe anual do Valedor do Pobo 2014
A asociación achaca os termos "minería responsable" e "minería sustentable" utilizados pola Xunta e o sector a "meros eufemismos creados pola industria mineira en beneficio dos seus propios intereses". "A xuízo da asociación pode falarse dunha 'minería razoable' no que ao aproveitamento de recursos do subsolo refírese" pero non aceptan adxectivos da consellería "cando se fala de actividades non perdurables no tempo". "Os casos como os de Touro, Valdeorras, Monte Neme, Triacastela ou San Finx non deixan de ser un recordatorio dos efectos da actividade extractiva", conclúen.
Escribe o teu comentario