Viaño: “Os sacrificios eran necesarios para sanear a USC"”

Nesta entrevista co reitor da USC o candidato a repetir como reitor da USC di que “non temos datos de que existan realmente abordaxes, acoso ou situación de violencia. Outra cousa é sensación”. Ademais dos problemas de seguridade no campus, Juan Viaño fala de feminismo, do pasado e futuro, e das reivindicacións do estudantado e persoal da universidade antes das eleccións do 23 de abril. 




|

Nesta entrevista co reitor da USC o candidato a repetir como reitor di que “non temos datos de que existan realmente abordaxes, acoso ou situación de violencia; outra cousa é sensación”. Ademais dos problemas de seguridade no campus, Juan Viaño fala de feminismo, do pasado e futuro, e das reivindicacións do estudantado e persoal da universidade antes das eleccións do 23 de abril. 



Juan viau00f1o

Juan Viaño / Eva Neira


Faltan poucos días para as eleccións a reitorado, o que significa que xa pasaron 4 anos desde que foi elixido reitor. Xa con perspectiva, cales foron os seus maiores éxitos desta lexislatura?

Eu creo que nesta lexislatura o primeiro obxectivo foi desde un principio reconducir a actividade económica da universidade. 


Atopamos unha Universidade cunha débeda de 50 millóns e un déficit de 16 millóns que practicamente supoñían a quebra da universidade e era necesario actuar unha maneira urxente.


Elaboramos un plan de equilibrio económico financeiro, negociamos un novo plan de financiamento do sistema universitario galego coa Xunta de Galicia e coas outras universidades, renegociamos a débeda, aprazamos os anticipos reembolsables e fomos saíndo paulatinamente da situación a base de moitos sacrificios. Conseguimos ao final destes catro anos unha institución máis saneada, máis crible, na que pagamos aos provedores con moito menos retraso que antes, e polo tanto entramos nunha senda de crecemento que trae, para os vindeiros catro anos, unha situación nova que pode recompensar estes sacrificios.


E facendo autocrítica, en que cre que se equivocou?

Na xestión de área sempre hai pequenas cousas que se poden facer mellor ou peor pero penso que no noso mandato non hai grandes erros e si que hai acertos importantes. Creo que a comunidade universitaria soubo entender que era preciso facer estes sacrificios.


O 19 de abril houbo unha folga de estudantes. Coñece as reivindicacións do alumnado?

Si, estiven vendo o manifesto reivindicativo. Hai manifestacións que son propias e lexítimas por parte dos estudantes: preocuparse dos temas sociais, dos seus estudos e da súa vida en particular.


Unha das peticións que fan as estudantes é o aumento das partidas orzamentarias. Como valora os orzamentos das universidades galegas?

Falando particularmente do Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego 2016-2020 creo que a sociedade fixo un esforzo importante con respecto ao plan anterior e nese sentido hai que valoralo, pero estamos lonxe aínda de ter un financiamento axeitado. Creo que é moi importante chegar ao 1% do PIB e estamos neste momento apenas no 0,7% do PIB galego. No ano 2019 comezarase a negociar o novo plan de financiamento e creo que debemos insistir para que poida ser o mellor posible para ter unhas universidades acordes coas necesidades da sociedade galega.


Gran parte do estudantado valora o Plan Boloña como un fracaso. Que pensa vostede?

A nosa universidade hai quince ou vinte anos propúxose dentro do marco do Plan Boloña revisar as súas metodoloxías de funcionamento, as súas metodoloxías de aprendizaxe, e eu creo que foi moi positivo facer esa avaliación. A docencia, a metodoloxía de ensino nas universidades necesitaba aumentar o contacto profesor-alumno, que apenas existía no pasado; modernizar e introducir novas maneiras de relacionar, de aprender, de traballo en equipo, de traballo práctico, dun contacto co mundo profesional; e iso creo que foi unha revisión positiva. Certamente o Plan Boloña trouxo unha carga académica, unha restructuración, que se quixo facer moi a custe cero e aí foi cando se tropezaron con certas dificultades como a implantación e a carga burocrática, que fan desmerecer o mérito que tivo esta reflexión e esa nova metodoloxía.


Outra das reivindicacións é o estrito cumprimento da Lei de Normalización Lingüística. Como valora o uso do galego na USC?

É unha valoración ambivalente. Déronse pasos xigantesco na normalización e no uso do galego e aínda así penso que quedan moitos pasos por dar, sen dúbida, e polo tanto creo que temos que loitar para que o galego sexa a lingua de comunicación, a lingua do ensino, a lingua dos exames. Por suposto é a lingua oficial, pero debía ser a lingua normal de uso na nosa institución, e creo que debemos seguir esforzándonos para que así sexa.


Noraboa ás mulleres do seu equipo, porque é a primeira vez que se presenta unha candidatura formada maioritariamente por mulleres. Pensa que a USC é unha institución e un espazo feminista?

Na nosa universidade, co II Plan de Igualdade entre homes e mulleres que estamos a desenvolver, con protocolos de acoso, de respecto á diversidade como temos, creo que si, que é un espazo onde efectivamente a igualdade e a diversidade se respectan e se intenta protexer. Certamente sempre hai pasos a dar e cousas que mellorar, pero creo que se ten avanzado moito. Somos un espazo no que a igualdade entre homes e mulleres se respecta ao máximo.


O equipo evidentemente é unha aposta importante. Na nosa universidade hai moitas máis mulleres que homes, e iso non sempre se ve nos cargos de responsabilidade. Realmente esta aposta non só é unha cuestión de mulleres, senón que son persoas moi formadas, con unha grande capacidade de xestión, con experiencia, e tamén temos unha renovación xeracional que é moi importante.


As estudantes de ANEGA recolleron un manifesto con varias propostas para lograr un espazo feminista na universidade. Léolle algunhas para comentalas rapidamente.

“Somos maioría nas aulas pero minoría nas cátedras e investigación”

É o que estaba a comentar. Realmente a tardía incorporación da muller a universidade fai que haxa aínda unha limitación, pero é cuestión de moi pouco tempo para que as mulleres estean en igualdade de condicións, cátedras incluídas, e é un punto no que a universidade está avanzando rapidamente.


Mellorar a seguridade nos campus

Sempre que detectamos algunha preocupación reforzamos a seguridade. Existe unha preocupación xeneralizada pero non fundamentada en datos concretos. Non temos datos de que existan realmente abordaxes, acoso ou situación de violencia. Outra cousa é sensación.


Introducir a perspectiva de xénero en todas as materias e unha materia propia

Forma parte do Plan de Igualdade, e en concreto, no noso programa, levámolo como unha posibilidade de ir incorporándoa paulatinamente nos plans de estudio e nas materias.


Cada ano hai moitas persoas que teñen que abandonar os estudos por falta de medios económicos. Que solución pode aportar a universidade?

A nosa universidade ten dentro dos seus orzamentos e axudas a posibilidade de atender algunhas necesidades concretas. Falando en xeral, para tratar que ningunha persoa con capacidade poda quedar sen estudar por falta de medios económicos, propugnamos un sistema de bolsas que atenda todas as situacións. Ningunha persoa pode quedar sen acceso ao estudo porque na súa familia non haxa medios económicos, temos que proporcionarllos. Dentro das nosas posibilidades como universidade estamos a manter un servizo de residencias universitarias que é o mellor de España, con prezos en función da renda per capita das familias. Por suposto defendemos que a política da nosa comunidade poña o maior número de bolsas para esta cuestión.


En teoría calquera persoa debe poder conciliar os estudos co traballo, pero na práctica hai bastantes impedimentos.

Contémplanse todas as posibilidades. É certo que a arbitraxe de horarios para ofrecer todas as posibilidades non sempre está ben resolta, pero en calquera caso contémplase en todas as titulacións a posibilidade de que haxa exencións de asistencia a clases, etc, para poder compatibilizar e adquirir as competencias doutro xeito alargando o tempo e facilitando a realización de exames, por exemplo.


Pregúntolle polas reivindicacións do estudantado porque todas teñen dereito á voto nas eleccións ao reitorado. Cre que están realmente involucradas neste proceso?

A participación é baixa e sería desexable que fora maior. A democratización da universidade que tanto custou conseguir está para iso, para que todos os colectivos da universidade participen. Teñen os seus postos reservados no claustro, nos consellos de goberno, nas xuntas de facultade, nos consellos de departamento e é mágoa que non se utilicen con asiduidade, que participen, que saiban por que se toman unhas decisións e non outras, poder influír na toma de decisións . É verdade que o feito de que pasen con nós cinco ou seis anos, ao ser un período curto, fai que se sintan como transeúntes e non se impliquen tanto, pero sería moi importante que participasen .


Como é a situación actual do persoal de limpeza?

O servizo de limpeza é un servizo externo á universidade. Son traballadores dunha empresa de servizos e, polo tanto, a nós cábenos ser coidadosos e vixiantes para que esas empresas respecten os dereitos dos traballadores e facer tamén unha oferta á caída para que os traballadores non teñan problemas por falta de recursos e que a empresa non poida poñer como desculpa que a universidade paga prezos baixos. Pensar en internalizar aos 120 traballadores de limpeza non é concibible, porque a nosa universidade se especializa en servizos de docencia, de investigación. Abrimos concursos de licitación en lotes porque a lei nos obriga a facelo por lotes.


Outro tema de actualidade é a adxudicación as cátedras

Estabamos moi limitados nas nosas posibilidades para promoción da cátedras precisamente pola situación económica. Aínda así no noso mandato promocionamos 29 prazas de catedrático e un número superior de titulares. Temos un plan de 2016 a 2020 que estivemos respectando escrupulosamente. Agora somos capaces de proxectar 2019-2022 un novo plan, e do tema de promoción si que conseguimos debido á nova situación económica que os controis que a Xunta nos estaba facendo e que nos obrigaba a orzamentar as prazas polo custe total –non só polo diferencial que hai dunha praza de titular a unha praza de cátedra- se flexibilicen e nos fagan un control a posteriori en vez de a priori. Iso permítenos avanzar un número de cátedras que podemos sacar e facemos unha oferta para seis anos, que no mandato seguinte serían 100 prazas de titular e 100 prazas de cátedra, 25 por ano, e o acordo está pechado ata 2024.


Pensa que a situación de precariedade económica que atravesou a universidade e que vostede viviu á fronte do reitorado lle pode prexudicar nestas eleccións?

Eu confío moito en que a comunidade universitaria saiba que os sacrificios que tivemos que pasar eran necesarios para poñer a universidade nunha situación saneada. Iso foi o que conseguimos, certamente coa axuda de todos, pero agora nos permite unha senda de maior crecemento e recompensar os sacrificios pasados. Eu espero que me dean a oportunidade de facelo eu tamén. Se fun capaz de xestionar nuns momentos complicados facer moitas cousas que esta universidade necesitaba, espero en que confíen que cun novo equipo para un novo tempo onde propoño unha restruturación completa da forma de funcionar, con un apoio de transformación dixital, me dean esa oportunidade de demostrar que son capaz de traballar nunhas condicións mellores e facer cousas pola nosa universidade que a sitúen como se merece na segunda década do século XXI.


Non podo marchar sen preguntarlle polo caso do mestrado de Cristina Cifuentes.

De confirmarse o que cada vez parece máis evidente penso que se traspasaran todas as liñas vermellas do que debe de ser unha actuación académica e responsable. Non temos máis que palabras de condena para este feito que eu persoalmente nunca antes vira nos meus 40 anos de vida universitaria. Creo que temos que ser absolutamente claros. A universidade pública é pagada por todos os cidadáns e polo tanto aquí débese tratar a todos por igual. Prácticas deste tipo onde poñen en cuestión a credibilidade das nosas institucións son absolutamente rexeitables e non poden ser entendidos doutra maneira.


Como recupera a institución o seu prestixio?

O dano que se fai con unha actuación como esta é moi grave e eu espero que se aclare canto antes, se depuren as responsabilidades para que se vexa que é unha actuación particular dunhas persoas con poucos escrúpulos que poñen en risco toda a credibilidade do sistema universitario que con tanto esforzo conseguimos.

relacionada ​Universitarias lanzan clases de autodefensa contra acosadores
relacionada "Volver a casa con medo non é normal e non debe ser tolerado"
relacionada Viaño preséntase de novo a reitor cunhas contas saneadas

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE