"Volver a casa con medo non é normal e non debe ser tolerado"
Cando anunciaron clases de "autodefensa feminista" non esperaban tal reación, pero 239 apuntáronse. Elas son as promotoras de Campus do Medo, unha iniciativa de base para erradicar o temor que sofren moitas mulleres nos campus -especialmente no Campus Sur da USC pola noite- e nas aulas. Nesta entrevista abordamos as súas motivacións, os seus obxectivos e as súas demandas ás administracións.
Cando anunciaron clases de "autodefensa feminista" non esperaban tal reación, pero 239 apuntáronse. Elas son as promotoras de Campus do Medo, unha iniciativa de base para erradicar o temor que sofren moitas mulleres nos campus -especialmente no Campus Sur da USC pola noite- e nas aulas. Nesta entrevista abordamos as súas motivacións, os seus obxectivos e as súas demandas ás administracións.
Primeira asemblea do Campus do Medo
Empezando polo lanzamento da actividade. A primeira clase foi o mes pasado, cantas persoas se apuntaron? Como está a ser a resposta á vosa iniciativa?
A primeira clase de autodefensa de Campus do Medo contou cunha moi boa acollida por parte das estudantes, non contábamos para nada co nivel de repercusión que tivo en redes. Nun primeiro momento a actividade estaba pensada como unha clase aberta a todas as estudantes, mais cando nos atopamos con 239 persoas interesadas en asistir no evento de Facebook e por petición das profesoras que impartiron a clase, vímonos na obriga de establecer un aforo máximo de 40 persoas para poder realizar a clase con efectividade.
Tras avisar por redes da necesidade de confirmación para asistir á clase, ao pouco rato contábamos xa con 75 correos solicitando praza para a mesma, o cal deixounos cunha sensación agridoce. A pesar de estar alegres pola alta participación, entristeceunos ter que deixar rapazas fóra da actividade por motivos de espazo/tempo; ademais, o gran interese na mesma evidencia una vez máis que o problema que vimos denunciando con esta campaña é real e afecta ao día a día de moitas estudantes que teñen que volver a casa con medo.
Se unha moza vai a esas clases de autodefensa, que aprenderá? Unicamente métodos para enfrontarse aos acosadores fisicamente?
Non só métodos a nivel físico. A moza aprenderá a defenderse ante o acoso masculino de moitas outras formas, incluso utilizando só a súa mirada. No caso particular dunha posible persecución nocturna ou enfrontamento a escuras, traballará a autodefensa sen luz ou tamén fará exercicios para orientarse na escuridade e agudizar os seus sentidos. Ademais, nestas clases tamén se traballa moito a capacidade de apoio ás túas compañeiras nunha situación de acoso.
Máis alá da parte física, nas clases de autodefensa trabállase tamén a nivel psicolóxico. As participantes somos animadas a confiar en nós mesmas ante calquera situación e a confiar na nosa forza e capacidade de defensa ante un ataque, posto que o bloqueo nestas situacións é un dos factores máis comúns que xogan na nosa contra á hora de poder defendernos; non só importan os coñecementos físicos á hora de enfrontarse a un agresor, senón que aprender a reaccionar e sobre todo sentirse lexitimadas a facelo é esencial.
Ademais das clases de autodefensa, que outras iniciativas teñen en mente para o Campus do Medo?
A semana pasada levamos a cabo outra acción, unha recollida de experiencias de agresións nos distintos campus a través dunhas enquisas. O mércores estivemos durante todo o día recolléndoas de forma presencial cuns buzóns en bibliotecas e facultades, e máis tarde lanzamos tamén a enquisa desde as redes sociais para cubrir online. Ademais, imprimimos e espallamos por diferentes puntos dos campus unhas pegatas cun código QR, o cal ao ser escaneado desde o móbil redirixe directamente á enquisa.
As historias que recademos faranse públicas de xeito anónimo (se así o permitiu a súa autora), xa que consideramos que visibilizar a situación é un primeiro paso moi importante para que se deixe de normalizar, e semella que pouco a pouco e grazas a esta campaña imos avanzando cara o noso obxectivo: conseguir erradicar por completo a situación de inseguridade nos Campus. Volver a casa con medo non é normal e nunca máis debe ser tolerado.
Por outra banda, seguiremos reclamando medidas ás institucións, que son as que deben poñer da súa parte para solucionar este problema que leva tantos anos tendo lugar nos Campus Universitarios sen que nunca se intentase remediar.
Que foi o que vos motivou a dar un paso adiante e lanzarvos a organizar esta iniciativa. Até que punto influíu, de ser o caso, o éxito das mobilizacións do #8M? Inspiráronse nalgunha iniciativa similar doutros campus?
A campaña Campus do Medo nace como resposta a un problema que leva existindo anos e formando parte do día a día de moitas estudantes, e ao que consideramos que non se lle estaba dando a atención que merecía. A falta de seguridade nos Campus Universitarios é unha situación ben coñecida por calquera rapaza que estude na USC, especialmente as estudantes que viven nas Residencias Universitarias ou as que facemos uso das instalacións dos campus como por exemplo as deportivas. As agresións nos campus son o noso pan de cada día.
En Curuxa (colectivo feminista non-mixto de estudantes) decidimos reaccionar ante isto, polo que traballamos durante o primeiro cuadrimestre para establecer unha base do proxecto que en febreiro sacamos ao público, chamando a todos os colectivos, organizacións estudantís e xente independente a participar mediante asembleas nas que se rematou de pulir o mesmo e dende as cales naceu definitivamente a campaña ‘Campus do Medo’. Desde aquí seguimos traballando e reuníndonos cada semana para seguir adiante con todas estas accións que estades vendo e así, entre todas, poñer fin a un problema que altera as nosas rutinas, o noso día a día, e que a pesar de estar normalizado é absolutamente intolerable. Xuntas estamos plantando cara ao medo.
Cal é o grao de violencia sexual que hai nas aulas e nos campus galegos? En teoría, ao haberen persoas as que se supón certa formación, debería existir polo menos algún grao máis de respecto á muller que no conxunto da sociedade, non é así?
O machismo abarca todos os sectores da sociedade, sen influír niso a formación profesional dos suxeitos, e tamén se manifesta de distintos xeitos. Os homes, sexa cal sexa o seu grao de formación, son machistas, teñen uns privilexios dados polo patriarcado que os sitúan nunha posición de poder por enriba das mulleres, da cal se benefician á vez que nos oprimen. Polo tanto, tamén nestas esferas se reproducen os roles patriarcais: son eles os que ocupan os altos cargos das institucións como a Universidade, mantense a fenda salarial, no temario das distintas carreiras apenas se fai referencia ás contribucións das mulleres aos seus campos, case non hai materias enfocadas dende unha perspectiva de xénero e prodúcense ataques directos cara alumnas por parte de profesores como aconteceu con Luciano Méndez, nos que os autores seguen sen ser castigados como merecen.
Son numerosos os relatos de malas experiencias, acosos e incluso agresións sexuais no campus sur da USC. Nisto hai moitos factores que inflúen, pero un deles pode ser a mala iluminación e urbanismo da zona, Concello e Universidade levan anos pasándose a pelota de quen debe arranxar os espazos públicos do campus. Deberían poñerse as pilas e polo menos facer que teña máis iluminación?
É fundamental que as nosas voces sexan realmente escoitadas e que sexan eles os que tomen cartas no asunto en vez de seguir mirando cara outro lado mentres somos atacadas diariamente.
Nesta liña, tivemos xa unha reunión co alcalde Martiño Noriega, a concelleira de igualdade Marta Lois e o concelleiro de medio ambiente Xan Duro, onde expuxemos as nosas demandas: melloras do alumeado público, patrullas policiais máis frecuentes e eficientes, un autobús nocturno como o que xa se puxo en marcha noutras cidades galegas como Vigo, etc.
Porén, e aínda que sexa responsabilidade das institucións facer cambios reais para rematar con esta situación, nós non pararemos de loitar pola nosa seguridade, visibilizando o problema e facendo presión externa, sempre intentando manter un diálogo coas institucións responsables para acadar solucións.
Imaxe dun vídeo promocional de Campus do Medo
Escribe o teu comentario