Dez razoes polas que arde o monte galego

|

Incendio de Cotobade (Pontevedra)


62 especialistas compareceron na Comisión de de Investigación sobre os Incendios, que acaba de terminar. As súas opinións permiten albisca porqué Galicia arde ano tras anos. E non, non é porque haxa ningunha trama incendiaria, como apuntou o presidente da Xunta. Presidente que, por certo, negouse a comparecer, como tamén se negaron os militares e o mesmo Delegado do Goberno.


A comisión de estudo de incendios e política forestal creouse por mor da vaga de lumes de outubro --que arrasou 49.000 hectáreas e provocou catro mortos-- e quedou constituída o 28 de novembro de 2017. Aínda que a palabra consenso foi unha das máis repetidas desde entón, xa o primeiro día houbo polémica por a composición deste órgano coa denuncia de En Marea de ser apartada da Mesa.

O 27 de decembro, a comisión botou a andar cun plan de traballo con 65 comparecentes, que a oposición criticou por non incluír nin ao presidente nin ao vicepresidente da Xunta. Finalmente, foron 62 intervenientes tras a negativa do delegado do Goberno e da Unidade Militar de Emerxencias (UME) a falar. A presenza dun representante de Ence quedou aprazada, pero nunca chegou a realizarse.

O 30 de xaneiro arrincaron as comparecencias cunha chamada de expertos a defender un modelo forestal galego "sustentable" baseado na ordenación do monte. Durante o seu transcurso a Fiscalía negou a existencia de tramas. O peche correu a cargo da conselleira de Medio Rural o 4 de abril.

A falta de coñecer as conclusións desta comisión --que poden ser aprobadas pola maioría simple do PP, sen ser cualificada--, sobre a mesa puxéronse varios retos de futuro:

LIMPEZA DE FRANXAS DE SEGURIDADE
Unha das principais queixas coincidentes dos alcaldes que pasaron por esta comisión foi a falta de medios e persoal para cumprir a normativa e asumir esta competencia subsidiaria no caso de que os propietarios non limpen os seus terreos.

Sobre esta cuestión, o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, avanzou que a Xunta estuda "posibilidades de apoiar" a municipios nestas tarefas. A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, deu conta da posta a disposición de convenios.

O catedrático Rubén Lois chamou a atención sobre as dificultades que expón o envellecemento de moitos dos donos de terreos, aínda que "teñan vontade" de limpar as coñecidas como franxas secundarias --próximas a casas e inmobles--.

PARCELAS ABANDONADAS
Precisamente, na limpeza desas franxas o abandono aparece como un dos grandes impedimentos e tamén dos maiores aliados do lume.

Alcaldes como o de Soutomaior, Agustín Reguera (PP), ilustraron que "é esgotador" coñecer "de quen" é un terreo abandonado, se o seu dono "xa morreu" ou "cantos herdeiros hai".

Por iso, o presidente da Fegamp, Alfredo García, reclamou á Xunta que active unha bolsa de técnicos cos que poidan contar os concellos para identificar as parcelas de propietario descoñecido. En Galicia hai 30.000 núcleos de poboación, con casos na provincia de Ourense nos que non se sabe de quen é o 40% das leiras.

ESTRUTURA DO TERRITORIO
Ante o aumento dos incendios de interface, entre o urbano e o rural, os expertos advirten: é preciso integrar a prevención de incendios nas políticas de ordenación do territorio.

A directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, reclamou que a planificación do crecemento urbano teña en conta factores como a proximidade do monte e a dirección dos ventos.

PLAN FORESTAL
Un total de 25.000 hectáreas máis de eucaliptos, ata chegar ás 333.000 dentro de 20 anos. E roldar as 530.000 hectáreas de piñeiros, desde as 433.000 actuais. É o que expón o borrador para a revisión do plan forestal de Galicia respecto destas dúas especies pirófilas.

Como chegar ao consenso co sector é un dos principais retos que ten por diante a Consellería do Medio Rural, cuxos responsables, tanto Ángeles Vázquez como Fernández-Couto sinalaron na comisión o complicado de lograr un equilibrio cando hai tantas partes con intereses distintos e algunhas empresas con capacidade de influencia.

SERVIZO DE EXTINCIÓN
O debate repítese ano tras ano: debe o servizo de extinción de incendios ser público 100%? Afecta á súa eficacia que non estea unificado e que participen empresas públicas e privadas?

Tamén entran en xogo as brigadas municipais, recuperadas polo PP, e que para os especialistas non son un bo sistema pola súa escasa profesionalización. Con todo, algúns alcaldes deféndenas porque, segundo a rexedora de Folgoso do Courel (PP), "coñecen o terreo" e tamén son unha vía para a contratación.

COORDINACIÓN DAS EMERXENCIAS
O cóctel de circunstancias meteorolóxicas extremas, un terreo seco pola ausencia de choivas e un elevado número de incendios que se propagan polo efecto do vento pode volver repetirse e supón un desafío para o sistema de emerxencias.

Na comisión, o xerente da Axencia de Emerxencias, Marcos Araújo, admitiu que houbo "colapso" e "descoordinación". O 112 deixou chamadas sen atender a pesar de aumentar "un 150%" o seu persoal. Pola súa banda, o director xeral de Emerxencias, Luís Menor, defendeu que "dentro da gravidade, foi un resultado que se puido manexar".

Varios alcaldes, como o das Neves, Xosé Manuel Rodríguez (BNG), lamentaron que as súas chamadas non fosen atendidas a través da central do 112. Menor asegura que xa se habilitou un sistema que recoñece os seus teléfonos oficiais para priorizalos.

INVESTIGACIÓN E TECNOLOXÍA
Durante a comisión quedaron patentes os obstáculos existentes para a investigación de incendios, mesmo con conflitos na coordinación entre diferentes corpos. Axentes forestais denunciaron como a Policía Autonómica e a Garda Civil os "minusvaloran".

O aproveitamento de novas tecnoloxías é outro punto para modernizar. Axentes forestais evidenciaron as súas falta de recursos ao sinalar que pagan do seu "peto" cámaras que empregan.

Tamén o catedrático Augusto Pérez Alberti criticou que "non hai datos" da Xunta de cartografiado dos lumes --como si ocorre en Portugal--, o que dificulta os labores de prevención. Propón crear un mapa de risco de incendios con base neses datos e cun sistema de alerta en masas forestais.

MULTIFUNCIONALIDAD DO MONTE
Como facelo máis atractivo e aproveitar as súas diferentes vertentes? O monte galego ten ante si a necesidade de multiplicar experiencias que sirvan, ademais de para xerar riqueza, para crear auténticas devasas.

Por exemplo, o secretario de Castaña de Galicia, Manuel López, apostou pola creación de masas arbóreas xeorreferenciadas a base de soutos de castiñeiros que permiten dedicarse á produción do seu froito conxugada con outras actividades como o cultivo de cogomelos ou a gandería.

EDUCACIÓN E FORMACIÓN
Como facer que a milenaria cultura do lume de Galicia non cause estragos? A Fiscalía identificou como causas de boa parte da vaga de incendios limpezas de matogueira, escapes de queimas, conflitos e caza. Calquera receita de cambio neste ámbito será a longo prazo e a educación xoga un papel crave.

Aquí, ponse o foco nos máis pequenos e as próximas xeracións. Recentemente o Parlamento aprobou por unanimidade formar a alumnos nesta materia antes de terminar o ensino obrigatorio.

A concienciación dos veciños é outro asunto para traballar, con charlas preventivas no rural para achegar pautas claras e sintéticas sobre como actuar, sen ir máis lonxe, ante unha queima de restrollos. Para saber que facer en caso de incendio, Protección Civil de Boqueixón avogou por crear plans de autoprotección que sexan de fácil lectura.

CAMBIO CLIMÁTICO
Implica incendios de nova tipoloxía, cada vez máis habituais os de interface e máis voraces polas altas temperaturas e escasa humidade en épocas do ano como primavera e outono.

Algunhas propostas pasaron por formar a profesionais da extinción e estudar que a contratación teña que estenderse no tempo durante o ano.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.
Cabecerarecomendadosgal 2
Cabeceraultimahora 2
Cabeceralomasleidogal 1

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress