As políticas galegas irán á folga feminista?
Este domingo empezan as mobilizacións para a esperada folga do 8 de Marzo. Pulsamos a opinión de mulleres con cargos de responsabilidade no espazo político das mareas (Lidia Senra), Partido Popular (Paula Prado), Partido Socialista (Carmela Silva) e Bloque (Goretti Sanmartín).
Ao berro de “libres, vivas, feministas, combativas e rebeldes”, este 8 de marzo terá lugar a folga feminista en defensa dos dereitos da muller. O paro, que busca demostrar o necesarias que son as mulleres na sociedade e loitar contra a violencia que sofren a diario, suscita partidarios e detractores entre os principais partidos e figuras políticas de Galicia.
A eurodeputada e histórica referente do movemento feminista galego, Lidia Senra, considera, en declaracións a Galiciapress, que ás mulleres “sóbranlles razóns” para facer folga o próximo 8 de marzo, co fin de sinalar que “a discriminación segue sendo unha realidade”. A fenda salarial, a violencia de xénero ou a lei de titularidade compartida “que segue durmindo no limbo” son algúns dos motivos que a eurodeputada destaca á hora de defender a folga. Todas as leis, dacordo ás súas declaracións, "aplícanse con sesgo machista" para prexudicar ás mulleres.
E é que, para Lidia Senra, “se as mulleres paran, o mundo para”. Este é un dos grandes obxectivos que persegue demostrar o paro feminista, que “debe ser secundado por todo o mundo”. Desta maneira, os homes tamén teñen a obrigación de loitar polos dereitos da muller, “ou parando ou asumindo as responsabilidades” que en demasiadas ocasións se lles asigna á muller polo simple feito de selo. A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerdas en Europa, lóxicamante, fará folga o #8M.
PARTIDARIOS E DETRACTORES
Con todo, non todos comparten esta perspectiva. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, calificou de “machista” e de “guerra de sexos” ao paro do 8 de marzo, unha liña ideolóxica que, salvo no caso dos populares ourensáns, parece ser a dominante entre os militantes do Partido Popular de Galicia. Para Lidia Senra esta posición conforma “unha auténtica barbaridade”, e defende que o PPdeG ten “moita responsabilidade” en que non se apliquen leis que defendan os dereitos da muller.
Pola súa banda, a viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, asegura que están a favor de "propostas en positivo que melloren a situación das mulleres e o acceso a emprego en igualdade". Con todo, declara que o manifesto sobre o que se sustenta a folga "mestura cuestións ideolóxicas" que os consevadores non consideran "adecuadas" para defender o movemento feminista.
Desde o BNG, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, defende a existencia de “razóns máis que suficientes para estar en folga”. Ante a fenda salarial e a violencia machista, considera que “era hora de dar unha portazo e falar de que non queremos outro mundo onde as políticas de igualdade sexan centrais”. A súa posición esténdese á de todo o partido, que con a súa campaña "Ata o cona de cobrar menos" critica unha fenda salarial do 28,7% e a situación de máis de 20.000 mulleres que traballan a tempo parcial para asumir coidados familiares.
Doutra banda, a socialista e presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mostrou o seu apoio ao paro feminista do 8 de marzo, instando a participar a todas as mulleres pontevedresas. Desde o PSdeG, Carmela Silva denunciou as desigualdades, discriminacións e violencias estruturais que sofren as mulleres, e sinalou “a brutal fenda salarial” existente en Galicia.
Silva insiste en que "non hai dereito a que teñamos esta brutal fenda salarial". Na autonomía, subiu en 0,17 desde 2010. No caso das pensións, a fenda en Galicia achégase aos 40 puntos, 5.556,74 euros menos ao ano. Así mesmo, destacou que as mulleres galegas perciben a pensión de xubilación máis baixa de todo o Estado.
Escribe o teu comentario