Chega 'Filloas e Viño no Camiño': o valor da gastronomía galega como atractivo cultural
Terá lugar este xoves 1 de marzo co desenvolvemento de diversas conferencias e un 'showcooking' de Pepe Solla
Fonte: Turismo de Galicia
A xornada 'Filloas e Viño non Camiño', marcada pola presenza destes produtos típicos da comarca compostelá, diferentes conferencias sobre gastronomía e turismo e un 'showcooking' a cargo do recoñecido Pepe Solla, terá lugar no Hostal dos Reis Católicos este xoves 1 de marzo.
O evento, organizado pola GDR Asociación Terras de Compostela, co apoio das asociacións Filloa da Pedra da Baña, Filloa de Lestedo e Viño da Ulla, busca valorar as filloas e o viño como gran atractivo cultural relacionado co Camiño de Santiago. Así, pretende que estes dous produtos gastronómicos se convertan nun elemento dinamizador do territorio e do turismo en Galicia.
'Filloas e Viño non Camiño' dará inicio ás 9.30 horas da man de Carlos Martínez Carrillo, presidente da GDR Asociación Terras de Compostela, e diversos representantes das asociacións organizadoras. O historiador Manuel Vilar lerá o relatorio 'Camiños de Santiago: mostrando o local para estar no global', e o director técnico do Curso Superior de Catador profesional do Instituto Galego do Viño, Juan José Figueroa Treus, falará do sector vitivinícola.
O cociñeiro Pepe Solla, recoñecido pola calidade das súas propostas e o seu incansable labor na difusión da cociña galega ao longo do mundo, encargarase de elaborar en directo varias receitas protagonizadas por filloas, viño e outros productos da gastronomía de Galicia.
Unha vez termine o showcooking, iniciarase a elaboración en vivo e a degustación de filloas da pedra da Baña e filloas de Lestedo, acompañadas por viño da Ulla e outros produtos composteláns. Así, presentaranse tanto a 'Festa da Filloa da Pedra da Baña', este 11 de marzo; e a 38º 'Festa do Viño da Ulla, o próximo 8 de abril.
Escribe o teu comentario