Os servizos de emerxencias reciben máis de 150 desfibriladores
Bombeiros comarcais, GES e Protección civil son os destinatarios do material.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, entregaron este mércores un total de 157 desfibriladores destinados aos corpos de bombeiros comarcais, GES e Protección civil, co fin de reforzar a resposta ante posibles emerxencias que poidan rexistrarse en calquera punto da comunidade.
Rueda e Almuiña entregáronlle na sede da Academia Galega de Seguridade Pública estes novos equipos aos representantes municipais e aos efectivos dos distintos corpos de emerxencias, co fin de que os concellos galegos poidan contar con "mellor" material de resposta ante unha emerxencia.
O vicepresidente galego fixo fincapé na importancia da cooperación, colaboración e coordinación nun ámbito relevante como o das emerxencias, que "redunda directamente" na seguridade e no benestar dos cidadáns galegos.
Por iso, reiterou a necesidade de "seguir sumando" na aposta dunha xestión conxunta neste ámbito, no que é "tan importante" a implicación de "todas as administracións, tanto autonómica, como locais e provinciais".
Na súa intervención, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, remarcou que Galicia foi "pioneira en España" no desenvolvemento de estratexias de cardioprotección, coa publicación do decreto que regulaba o uso de desfibriladores por parte de persoal non médico.
O titular da carteira sanitaria da Xunta tamén remarcou os avances neste ámbito e que Galicia lidera dentro de España "a formación de nenos en primeiros auxilios". Igualmente, concretou que as unidades do 061 conseguen reanimar a unha media de 700 vítimas ao ano e trasladar con vida ao hospital a un 40 por cento.
Escribe o teu comentario