​O PP acepta non ampliar as concesións das autoestradas de peaxe como se fixo coa AP-9

Non se compromete, iso si, a manter a súa xestión no sector público. En Galicia sosteñen que "non é o momento oportuno" para debater sobre as peaxes.


|

Peaxe ap9


O PP expresou este martes no Congreso o seu apoio a non prorrogar nun principio as concesións das autoestradas de peaxe que vencen entre 2018 e 2021 e a manter no sector público as nove autoestradas crebadas cuxa xestión empezará a asumir o Estado.


Así figura na emenda presentada polos 'populares' á proposición non de lei de Unidos Podemos que se debate este martes no Pleno da Cámara Baixa, e coa que o grupo parlamentario reclama recuperar a xestión pública destas infraestruturas.


Nela, os 'populares' expresan a súa conformidade, tal e como propón Unidos Podemos, a "manter no sector público as nove autoestradas crebadas", en todo caso, exclúen da súa emenda a esixencia ao Goberno de renunciar "de forma explícita a volver privatizalas" e a dar "marcha atrás nos pasos que xa deu para volver adxudicarllas ao sector privado, paralizando de inmediato o procedemento de licitación de dous contratos", que si recolle na súa iniciativa Unidos Podemos.


NON AMPLIAR A CONCESIÓN


Doutra banda, o PP apoia non ampliar os períodos de ningunha concesión das actuais autoestradas de peaxe a medida que vaian alcanzando o final do período concesional nos últimos anos, como si se fixo coa AP-9, que viu prorrogada a concesión ata 2048. Sobre este asunto tampouco reclaman, como avoga Unidos Podemos, que se faga "de forma directa polo sector público".


Na rolda de prensa celebrada ao finalizar a Xunta de Portavoces do Congreso, o portavoz do PP na Cámara Baixa, Rafael Hernando, avogou por que estas infraestruturas "amortizadas polo pago da peaxe revertan ao Estado" e sexa o Goberno o que "decida como vai implementar unha nova fórmula para o seu mantemento".


Todo iso despois de que o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, mostrase a súa disposición a chegar a un acordo cos grupos da oposición ante a fin de varias das concesións de autoestradas.


"NON É O MOMENTO"


Sen embagro, a postura do PP en Galicia sobre as autoestradas é menos flexible. A Mesa de Parlamento de Galicia deu "carpetazo" á petición do PSdeG para que se constituíse unha comisión de estudo sobre as peaxes galegas, segundo destacou este martes o portavoz dos socialistas na Cámara, Xoaquín Fernández Leiceaga.


Tanto el como o viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, fixeron referencia a este feito na rolda de prensa posterior á xunta de portavoces. "O PP non considera que sexa o momento oportuno", lamentou Leiceaga.


Iso a pesar de que esta madrugada comezaron novas obras na ponte de Rande que forman parte das actuacións de mellora polas que Audasa volverá subir os peaxes este ano por segunda vez.


Leiceaga sinalou que o seu grupo centrará o próximo pleno na "actitude pasiva" de Feijóo ante o tratamento en materia de infraestruturas que lle dá Rajoy á comunidade galega. Así, Leiceaga tamén lle reprochará cuestións relativas ao plan de estradas e a situación do Feve.


relacionada Iñigo de la Serna defende o veto do Congreso ao debate sobre o traspaso da AP-9 a Galicia
relacionada ​Audasa aforra cada ano 173.000 euros de IBI en Vigo
relacionada ​Fomento propón un pacto de Estado sobre autoestradas de peaxe que deixa fóra a AP-9
relacionada ​As peaxes da AP-9 subirán outra vez para que o tramo entre Vigo e Redondela sexa gratis

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE