Audasa aforra cada ano 173.000 euros de IBI en Vigo
Marea de Vigo denunciou que a exención do IBI se converteu nun "copago" para os cidadáns dos municipios por onde pasa a autoestrada.
Entrada da AP-9 en Vigo. Foto: @MareaVigo
O grupo municipal Marea de Vigo presentará unha moción para o seu debate no próximo pleno, co fin de que o goberno local inicie os trámites para eliminar a exención do 95 por cento do IBI á concesionaria da autoestrada AP-9, Audasa, unha iniciativa que xa foi aprobada no Parlamento de Galicia.
O portavoz de Marea, Rubén Pérez, sinalou a necesidade de modificar a normativa que permite á empresa beneficiarse desas exencións, sobre todo cando obtén beneficios millonarios cada ano, e é a concesionaria de autoestradas con máis reclamacións, con menos traballadores e a que ofrece "peor servizo" do Estado.
Segundo sinalou o concelleiro, esa bonificación permítelle a Audasa aforrarse cada ano uns 173.000 euros, só polos 9 quilómetros da autoestrada que transcorren no termo municipal de Vigo (calculando sobre unha media de 19.000 euros por quilómetro en toda Galicia).
Pola súa banda, o deputado de En Marea, Marcos Cal, recalcou que os beneficios que actualmente obtén Audasa "só se explican pola conivencia político-empresarial", e denunciou que a exención do IBI se converteu nun "copago" para os cidadáns dos municipios por onde pasa a autoestrada.
Cal subliñou que os números de Audasa arroxan un balance "propio dun monopolio", e lembrou que a concesionaria obtén "un 50 por cento de beneficios sobre a súa facturación, cando a media das empresas é do 7 por cento".
Escribe o teu comentario