As peaxes da AP-9 subirán outra vez para que o tramo entre Vigo e Redondela sexa gratis
Fomento decidirá coa concesionaria a fórmula para compensar a retirada da peaxe. Este 2018 aínda ten pendente outra suba polas obras de Rande.
Ponte de Rande coa ampliación rematada.
O Ministerio de Fomento deulle unha resposta favorable á petición da Xunta de Galicia de quitar a peaxe na Autoestrada do Atlántico no tramo entre Vigo e Redondela, segundo informou este martes o secretario de Estado de Infraestrutura, Julio Gómez-Pomar, tras a celebración dunha Comisión Mixta coa Xunta, aínda que adiantou que a gratuidade deste tramo será compensado coa tarifa que se paga por circular no resto da autoestrada.
Fomento acepta liberar o tramo solicitada polo goberno autonómico e negociará coa concesionaria da autoestrada a fórmula para retirar a peaxe. Gómez-Pomar explicou que a intención é que esta medida se sufrague dentro do "financiamento global" da AP-9, polo que a gratuidade entre Redondela e Vigo irá "en relación coas tarifas xerais" que pagan os usuarios.
Ante as preguntas dos xornalistas, o secretario de Estado explicou que a medida se compensará co propio funcionamento da AP-9, "de forma progresiva" e "ao longo dun determinado tempo", subliñou sen explicitar se supoñerá o encarecemento do resto de tramos.
O anuncio de Fomento supón que as peaxes na Autoestrada do Atlántico encareceranse aínda máis do previsto, despois da subida aplicada xa a principios de 2018, correspondente ao IPC (1,91 por cento). Ao longo do ano está previsto que se apliquen progresivamente os incrementos previstos como compensación polas obras de ampliación (en Rande e en Santiago) e polas bonificacións entre Vigo e Pontevedra, que significan outro 1,9 por cento adicional, ao que habería que sumar a compensación que se pacte pola supresión da peaxe de Redondela.
A XUNTA, SATISFEITA
A conselleira de Infraestruturas da Xunta, Ethel Vázquez, valorou positivamente esta comisión mixta ao entender que lle dá "voz propia" á comunidade en asuntos "importantes" que están especialmente "pegados a territorios". Para Vázquez o importante é "liberar a peaxe" neste tramo da AP-9 e espera que se busque a fórmula "máis viable".
"Queremos unha fórmula viable que os usuarios non paguen esa peaxe nunha comarca tan competitiva", asegurou, dando a benvida a que Fomento se comprometa a buscar unha alternativa para atender a demanda dos veciños de Chapela e Vigo.
Escribe o teu comentario