Violencia contra persoal sanitario; os profesionais piden máis sensibilidade ás autoridades
As agresións a profesionais da saúde son outro dos riscos cos que conviven estes profesionais. A violencia tanto verbal como física fixeron que sindicatos e asociacións profesionais reclamen máis atención sobre este fenómeno. Non existe un marco xeral de actuación para todo o Estado contra estas situacións. É por iso que ante esta situación reclámanse solucións para evitar atentados contra a integridade física e moral dos sanitarios.
En calquera momento pode saltar a faísca, unha cita a un mes vista para un tratamento, o apuro dun familiar porque atendan ao seu parente de forma rápida, as colas ou as reaccións violentas dalgúns pacientes para ser tratados no hospital e as agresións verbais. Sucesos así ocorren dentro de centros de saúde, hospitais, PACs e outros centros sanitarios. A Organización Médica Colexial de España (#OMC) informaba nunha nota de prensa que durante 2023 rexistráronse 769 accións violentas comunicadas aos colexios médicos. O número total de agresións que rexistrou a OMC desde o ano 2011 é de 7.261.
DEBULLANDO ALGÚNS DATOS
O 66% das agresións notificadas ían dirixidas a mulleres, punto este que confirma a tendencia a agredir a profesionais femininas maioritariamente. Dentro da Atención Primaria, o 43% dos casos afectan a mulleres, nos hospitais son o 20%, mentres que Urxencias de Hospitais e Urxencias de Atención Primaria son o 10% respectivamente.
No 51% dos casos as agresións consisten en ameazas e coaccións dirixidas maioritariamente a mulleres (65%). Un 11% acabaron en agresións físicas, volvendo ser maioritario o número de mulleres, 58%, fronte ao 42% de homes. O 13% das persoas agredidas acabaron en baixa laboral, tres puntos máis que en 2022 segundo a OMC.
“Realmente hai máis casos dos que se denuncian e o repunte máis importante produciuse despois da pandemia” sinala Javier González, de CCOO. En concordancia co expresado por González, Manuel Moreiras de CIG, tamén destaca que “se rexistran menos agresións das que ocorren”.
Pola súa banda, o sindicato de enfermaría SATSE sinala nun comunicado que “oito de cada dez enfermeiras foron vítimas de agresións ao longo da súa traxectoria profesional”. Por outra banda, no caso dos fisioterapeutas, a última sondaxe realizada polo Sindicato conclúe que son seis de cada dez os profesionais agredidos.
POR QUE?
Existen diversas causas que motivan as reaccións violentas contra sanitarios entre elas as “estruturais” como as cualifica a OMC, aquelas que non están relacionadas coa atención médica. Así, un 72% das accións violentas corresponderían ao tempo de espera para ser atendido e un 28% debidas ao mal funcionamento do centro.
A atención médica estaba detrás dun 58% das agresións, a isto súmanse as diferenzas entre paciente e médico e informes cos que o ou a paciente non están de acordo.
“A relación co sistema sanitario volveuse complicada, cada vez é máis difícil asistir a un centro médico, isto xera tensión se a resposta non é a esperada polo usuario” di Moreiras. A dificultade está na dilación en datas de citas, no acceso a probas e análises. “Todo isto xera unha resposta agresiva”. Iso mesmo sinala Javier González, dificultade para acceder ao sistema “sobre todo despois da pandemia, cando se produciron numerosos cambios para o acceso aos centros”.
En canto ás posibles solucións ante este estado de cousas, SATSE reclama “un marco estratéxico de actuación que obrigue ás administracións e empresas sanitarias privadas a implementar todas as medidas necesarias para acabar coas agresións aos profesionais, como a elaboración e desenvolvemento dun Plan de Prevención contra a violencia no ámbito sanitario”.
Por outra banda, Manuel Moreiras considera necesaria a formación en evitar “a escalada de tensión, aprender a manexar momentos de tensión e saber interpretar os signos e aplacar”. Este tipo de formación vea necesaria nos cursos de formación para prevención de riscos laboral.
Os sindicatos, asociacións profesionais, observatorios e o propio Ministerio de Sanidade alertan do aumento de agresións a sanitarios, con maior incidencia na sanidade pública que na privada. Con todo, desde a parte profesional reclámase unha maior atención a este problema sobre todo unificando criterios entre as Comunidades Autónomas e con traballo de concienciación.
Escribe o teu comentario