As ambulancias da área de Santiago, "inuficientes" e con "deficiencias", denuncian enfermos e comité de empresa
Ambulancias Casabranca e Ambulancias do Cantábrico, agrupadas na UTE TSNUX, prestan o servizo.
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS e o Comité de Empresa da concesionaria do transporte sanitario na área Santiago-Barbanza lanzaron un duro comunicado reclamando a “desprivatización” do servizo e a súa integración plena no Sergas. Ambas as entidades denuncian que as actuais condicións “pon en risco a calidade e a equidad da atención” sanitaria nunha das áreas máis extensas e dispersas de Galicia.
CRÍTICAS DE USUARIOS E COMITÉ
O comunicado conxunto, difundido este martes, esixe que se dote ao sistema de máis medios humanos e materiais para garantir o seu correcto funcionamento. As asociacións chaman ademais a pacientes e familiares a denunciar as carencias que sufran durante os traslados e hospitalizacións, “xa que só a presión colectiva permitirá mellorar as condicións de atención”.
Desde setembro de 2024, o servizo de transporte sanitario na área de Santiago-Barbanza está xestionado pola #UTE TSNUX, conformada por Ambulancias Casabranca Santiago, S.L. e Servizos Sanitarios do Cantábrico, S.L. A adxudicación, lembran, realizouse sobre unha base de 45 ambulancias, unha cifra que consideran claramente insuficiente para cubrir os 4.871 quilómetros cadrados dunha área que dá servizo a máis de 443.000 habitantes de 45 municipios.
Segundo as entidades asinantes, o modelo privatizado “drena recursos públicos” cara á obtención de beneficios empresariais en lugar de destinalos á mellora asistencial. Sinalan que esta situación “é eticamente inaceptable” para un servizo esencial de saúde pública.
FALTA DE AMBULANCIAS NUN CONTEXTO DE SATURACIÓN
Os representantes sindicais aseguran que faltan polo menos 10 unidades máis de ambulancia —unha para o hospital, oito en ruta e outra para atención psiquiátrica— para garantir condicións de seguridade e resposta axeitadas. Na actualidade, o CHUS dispón unicamente de dúas ambulancias tipo A1 con padiola, que en moitas ocasións circulan cun só condutor, o que compromete tanto a atención como a seguridade de pacientes e traballadores.
O persoal vincula esta carencia cos colapsos rexistrados os pasados 9 e 12 de xaneiro, cando houbo demoras na liberación de camas hospitalarias xa asignadas para altas. A falta de transporte suficiente provocaría atrasos nos traslados de pacientes, xerando presión engadida sobre os servizos de urxencias.
Segundo o comunicado, esa precariedade “forma parte das causas estruturais” que explican o colapso en urxencias e a vulneración de dereitos fundamentais dos pacientes, algúns dos cales agardan atención en corredores ante a falta de espazo dispoñible.
DESPRIVATIZACIÓN
Tanto os pacientes como os traballadores reclaman que todo o persoal subrogado sexa integrado como persoal do Sergas, para acabar coa dualidade entre traballadores públicos e empregados de empresas concesionarias. Argumentan que un modelo de xestión directa garantiría “igualdade retributiva e estabilidade”, ademais dunha atención máis eficiente.
Non se trata dunha denuncia nova nin exclusiva desta área sanitaria, pois nos últimos anos sucedéronse os conflitos entre as concesionarias dos servizos tanto urxentes como non urxentes, co exemplo máis claro de Ambulancias do Atlántico, empresa que tivo que ser intervida pola Xunta de Galicia.
Escribe o teu comentario