Os terreos do colexio Pardo Bazán das Pontes acollerán a residencia de maiores da Deputación
A infraestrutura será a primeira Residencia de Apoio a Persoas Maiores (CAM) do organismo provincial na provincia.
O pleno do Concello das Pontes aprobou hoxe por unanimidade o acordo para a cesión dos terreos do antigo colexio Pardo Bazán á Deputación Provincial da Coruña, un paso cara á posta en marcha da que será a primeira Residencia de Apoio a Persoas Maiores (CAM) do organismo provincial na provincia.
O presidente provincial e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, explicou que o Concello, ademais da adquisición dos terreos, á que destinou 315.000 euros, tamén sufragará a derriba do edificio existente.
Á súa vez, a Deputación financiará con seis millóns de euros a construción da nova residencia, cuxas obras está previsto que comecen en 2026.
Formoso destacou o apoio unánime da corporación local como unha clara mostra de compromiso institucional. "Este proxecto responde a unha demanda histórica das Pontes e a comarca do Eume que, grazas á colaboración entre administracións, finalmente estase facendo realidade", engadiu.
Escribe o teu comentario