María Alonso Mesía: “A lingua de signos evita que as persoas xordas sexamos excluídas”

María Alonso Mesia é a presidenta da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG). O último sábado do mes de setembro celebrouse o l Día Internacional das Persoas Xordas, un día dedicado a reivindicar os dereitos deste colectivo para crear unha sociedade máis inclusiva. A día de hoxe a maior reclamación é o uso da lingua de signos en todos os ámbitos sociais, isto contribuiría a eliminar barreiras que actualmente non están superadas e impiden o desenvolvemento pleno das persoas xordas, que en Galicia son 20.000 segundo FAPXG, todas elas con diferentes necesidades que cubrir para poder desenvolver sen obstáculos.


|

 

MARu00cdA ALONSO 3 FAXPG
María Alonso FAXPG


 

-O 27 de setembro celebrouse o Día Internacional para as Persoas Xordas. Cales son as principais reivindicacións da FAXPG a día de hoxe en Galicia?

A nosa principal demanda é a accesibilidade en lingua de signos en todos os ámbitos. A lingua de signos permítenos comunicarnos dunha forma plena e en igualdade de condicións, e cando non podemos acceder a ela é cando empezamos a atopar barreiras que frean o noso desenvolvemento e participación social. É certo que cada vez hai maior conciencia sobre a súa importancia, algo que é motivo de alegría, pero aínda non é suficiente.


 

-Que pasos propoñen para oficializar a lingua de signos polo menos na administración pública?

A Lingua de Signos Española alcanzou o seu recoñecemento oficial xa hai case dúas décadas coa Lei 27/2007. O regulamento que desenvolve esta lei aprobouse en 2023 e inclúe medidas de protección da lingua de signos como dereito lingüístico para asegurar a súa presenza en todos os ámbitos da vida. O que reclamamos é que estas medidas leven á práctica. Na administración producíronse moitos avances, é certo, pero outros moitos temas están aínda pendentes.


A lingua de signos permítenos comunicarnos dunha forma plena e en igualdade de condicións, e cando non podemos acceder a ela é cando empezamos a atopar barreiras

 

-Por que sinalan que sen lingua de signos oficializada non hai dereitos humanos?

A lingua de signos evita que as persoas xordas sexamos excluídas. Isto faise moi evidente por exemplo en situacións de emerxencia, como foi a pandemia ou máis recentemente o apagamento eléctrico. Neses momentos as persoas xordas vemos moi limitado o noso acceso á información, e iso fainos máis vulnerables.

 

Ademais, a Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade (CDPD) recoñece que os gobernos nacionais teñen a obrigación de promover os dereitos das persoas xordas a utilizar a súa lingua de signos nacional e a beneficiar da súa identidade lingüística. Non é un capricho, é unha necesidade para nós e unha obrigación para as administracións.

 

Maru00eda Alonso FAXPG
María Alonso co conselleiro de Presidencia, Diego Calvo


 

-A OMS cifra nun 5% o número de persoas xordas no mundo. Cales son os lugares do mundo onde se exerce maior discriminación sobre eles e elas?

Onde hai unha maior discriminación é por suposto nas zonas de conflito e naqueles lugares nos que se vulneran outros dereitos humanos fundamentais. Aí as persoas xordas atópanse en situación de maior risco se cabe. Pero sen irnos ao extremo, hai unha gran desigualdade entre países, e mentres que nalgúns hai un maior acceso a servizos especializados en lingua de signos ou a axudas técnicas á audición, noutros apenas se ofrecen recursos para as persoas xordas. Neste sentido, en España vivimos grandes avances, e temos a sorte de estar entre o 40% de países do mundo que teñen as súas linguas de signos recoñecidas legalmente.

 

A Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade (CDPD) recoñece que os gobernos nacionais teñen a obrigación de promover os dereitos das persoas xordas a utilizar a súa lingua
 

 

-Que tipo de prexuízos sociais e culturais existen cara ás persoas xordas?

Por desgraza aínda existen prexuízos cara ás persoas xordas por puro descoñecemento. Por iso é tan importante que a sociedade nos teña en conta, que teñamos maior visibilidade e que a lingua de signos estea máis presente no día a día como algo natural. Moitas veces non podemos participar en espazos sociais porque non son accesibles para nós, e iso limítanos moito ao non poder elixir libremente entre todas as actividades formativas, culturais ou de lecer da nosa contorna.


 

-En Galicia, segundo a web de FAXPG hai 20.000 persoas xordas. Como describe a situación destas persoas actualmente? Consideran que entre os case tres millóns de galegos e galegas é un número elevado ou medio de persoas xordas?

É unha cifra o suficientemente alta como para tela moi en conta. É certo tamén que somos un colectivo moi heteroxéneo, hai persoas que levan audífonos ou implantes e outras que non, algunhas adquiren a perda auditiva coa idade mentres que outras nacemos con ela, tamén están as persoas sordociegas... Cada un temos un perfil propio e podemos necesitar uns recursos ou outros: intérpretes, subtitulado, bucles magnéticos, etc.


 

-Dentro dos diferentes sectores sociais, cales son os que menos atención prestan ou menos atención reciben para as persoas xordas?

Aínda que nos últimos anos avanzamos moito en canto a inclusión, aínda quedan moitos retos por asumir en practicamente todos os ámbitos sociais. Quizais os máis fundamentais sexan o ámbito sanitario e a educación, xa que son temas vitais, pero en realidade hai moitos máis e son moi diversos, como a cultura e o lecer, onde poucas actividades teñen en conta ás persoas xordas.


 

-Como actúa FAXPG coas administracións públicas para ofrecer alternativas de inserción ás persoas xordas?

No ámbito laboral somos centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia e Axencia de Colocación, polo que a través do noso servizo de emprego acompañamos ás persoas xordas na súa inserción laboral. Ademais, organizamos formacións para favorecer a empleabilidad das persoas xordas en situación de desemprego.


 

MARu00cdA ALONSO 2 FAXPG
María Alonso FAXPG

-Consideran que o sistema público educativo está a ofrecer todas as ferramentas posibles para a integración de nenos e adolescentes, sobre todo pensando na inserción laboral?

Afortunadamente o sistema educativo actual é moito máis inclusivo para as persoas xordas do que era antes, pero seguimos lonxe do que debería ser. Ofrécense recursos de apoio educativo aos menores xordos, pero ás veces non están adaptados ás súas necesidades nin están dispoñibles durante todo o horario escolar. Ao mesmo tempo, non só trátase do contido académico, senón tamén da convivencia escolar: se o menor pode acceder aos contidos pero non está integrado cos seus compañeiros, isto tamén afectará ao seu desenvolvemento. Hai aínda moito que mellorar neste ámbito e estamos a desexar traballar máis estreitamente coa administración educativa para conseguilo.

 

Somos un colectivo moi heteroxéneo, hai persoas que levan audífonos ou implantes e outras que non, algunhas adquiren a perda auditiva coa idade mentres que outras nacen con ela, tamén están as persoas sordociegas

 

-Sobre o mercado laboral, existen áreas especialmente difíciles onde as persoas xordas poidan desenvolver unha carreira profesional?

En xeral resúltanos moito máis complicado acceder a traballos de máis alta cualificación precisamente polas barreiras do sistema educativo, que dificultan o acceso a formacións de especialización.

 

-Cales son os proxectos que FAXPG ten en marcha agora mesmo e cales pensou de face ao futuro? Como valoran os resultados dos proxectos xa finalizados?

Actualmente desenvolvemos multitude de proxectos para abarcar todas as etapas vitais das persoas xordas, desde logopedia ou apoio educativo en idades temperás, intervención social ou atención psicolóxica a persoas adultas, até o noso programa de envellecemento activo para maiores. En 2024 atendemos a máis de 1.200 usuarios en toda Galicia. Pero ademais da intervención directa coas persoas xordas e as súas familias, tamén promovemos a difusión da lingua de signos prestando servizos especializados de accesibilidade a entidades e empresas, e a través dos nosos cursos de lingua de signos, aos que pode apuntar calquera persoa interesada en aprender a nosa lingua. O noso traballo é moi gratificante e contribúe ao benestar do noso colectivo, pero queda moito por facer e por iso gustaríanos establecer novas alianzas tanto coas administracións como con empresas privadas que nos permitan chegar a novos ámbitos que aínda non están cubertos. Neste sentido, a videointerpretación, que permite contar con intérpretes en remoto, é unha das nosas apostas xa non só para incorporala en servizos públicos, senón tamén en atención ao cliente. A clave é a corresponsabilidade de todos para lograr unha sociedade realmente máis inclusiva.

 

Por desgraza aínda existen prexuízos cara ás persoas xordas por puro descoñecemento
 

-Enumere os recursos máis necesarios e importantes agora mesmo para traballar con persoas xordas, sobre todo pensando na súa inclusión e evitar situacións de discriminación.

Principalmente todos os que faciliten a comunicación visual e en lingua de signos: contar con Intérpretes de Lingua de Signos Española, xa sexa de forma presencial ou online, subtitulación, paneis informativos, contidos adaptados á LSE, formación para favorecer a integración na contorna laboral, etc. Pero en todo caso, o máis importante será sempre empatizar e adaptar ás necesidades e características da persoa xorda.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE