Anciáns "asados" a máis de 30 ºC sen aire acondicionado nin ventilación no DomusVi de Santiago
O sindicato USO pon o foco nas condicións do DomusVi Fundación José Otero-Carmela Martínez de Santiago, onde as temperaturas son sufocantes.
O sindicato USO denunciou este mércores que os traballadores e usuarios da residencia DomusVi Fundación José Otero-Carmela Martínez de Santiago levan "varios días" soportando temperaturas superiores aos 30 graos, "sen contar cun sistema de ventilación ou aire acondicionado axeitados".
Nun comunicado, o sindicato lembrou que a normativa de prevención de riscos laborais recomenda temperaturas de entre 23 e 26 graos, até un máximo de 27 graos, para traballos sedentarios.
Nesta residencia de maiores, explicaron, os termómetros superaron varios días eses 27 graos e, nas últimas xornadas, chegaron a soportar temperaturas de máis de 32 graos.
O USO subliñou que, debido ao cambio climático, o 71 % dos traballadores están expostos á calor como risco laboral, e sen protocolos preventivos axeitados. Respecto diso, advertiron de que esa calor extrema en traballos ao aire libre ou en contornas con climatización insuficiente non é un risco "natural" senón "laboral" e require medidas "urxentes".
Por iso, reclamaron ao grupo DomusVi que instale nese centro de Santiago "canto antes" un sistema de climatización, unha obra que as traballadoras e usuarios "levan anos esperando".
RESPOSTA DE DOMUSVI
Tras a denuncia de USO, a empresa emitiu un comunicado asegurando que "o benestar dos nosos equipos e das persoas maiores ás que coidamos é unha prioridade". "Por iso, en situacións puntuais de calor extrema, activamos medidas de continxencia inmediatas, como a incorporación de dispositivos adicionais de refrixeración e a supervisión periódica da temperatura por parte dos nosos profesionais, co fin de garantir condicións axeitadas na contorna laboral", indican.
A continuación, apuntan que "de forma complementaria, durante a época estival, dispomos dun protocolo específico para mitigar os efectos da calor, tanto para os profesionais como para as persoas maiores ás que coidamos, con medidas organizativas e ambientais adaptadas". "Estamos comprometidos coa mellora continua dos nosos procesos para ofrecer sempre a mellor contorna posible", resolven.
Escribe o teu comentario