MUFACE: A “chantaxe” das aseguradoras venceu ao Goberno, denuncia CIG
A sanidade privada seguirá desviando os casos máis caros á pública e volverá cancelar tratamentos aos funcionarios cando necesite meterlle presión a Moncloa, denuncia a central nacionalista, a máis importante do sector público no país.

A CIG, o sindicato con maior representación na Xunta e no Servizo Galego de Saúde (#SERGAS), confirma a súa postura respecto diso do conflito de MUFACE. O sindicato nacionalista fala directamente de chantaxe das aseguradoras á administración.
Que defenderon os diferentes sindicatos?
A postura da CIG contrasta coa doutros sindicatos como #CSIF, SUP ou Ampe. Estas centrais levan meses impulsando ou apoiando mobilizacións en defensa do modelo de MUFACE.
A medio camiño quedáronse os dous grandes sindicatos de clase estatais Comisións Obreiras e UXT. Ambos expresaron a súa preocupación pero en ningún momento decantáronse por apoiar aos funcionarios, algúns dos cales se autoorganizaron a través redes sociais ante o temor de que MUFACE desaparecese.
As diferentes posturas sindicais evidencian que a cuestión dunha mutualidad específica resulta espiñenta, mesmo entre o conxunto dos traballadores públicos. Existe unha parte do funcionariado que non entende porquñe a administración ten que chegar a convenios con aseguradoras privadas cando xa existe o servizo público de saúde.
Pola contra os defensores do modelo MUFACE argumentan que durante décadas demostrou ser eficaz para atender as necesidades dos traballadores públicos e que en todo caso é inviable que os sistemas sanitarios das autonomías, que xa sofren longas listas de espera, poidan asumir de golpe centos de miles de mutualistas si MUFACE desaparece. Por exemplo en Galicia hai máis de cento un mil mutualistas e o SERGAS xa está contra as cordas en aspectos como atención primaria, pediatras ou saúde mental.
Superada en aparencia a crise - ao lograr as aseguradoras que o Goberno lles faga unha nova oferta na que en teoría lles garante que non terán perdas e confirmar que Adeslas e Asisa, polo menos, concorrerán ao concurso, a CIG toma postura.
A Área Pública da CIG, que engloba os sectores de Ensino, Saúde e Administracións Públicas, mantén o seu firme compromiso coa sanidade pública.
Os recentes movementos do Ministerio de Función Pública e da propia Mutualidad, que cederon novamente ante as presións das aseguradoras, son considerados pola #CIG-Área Pública como unha "pésima noticia”.
Segundo o ministro Óscar López, o Goberno estatal está a inxectar 1.000 millóns de euros adicionais aos xa anunciados ao comezo da crise de MUFACE. En total, o Executivo desembolsará 4.500 millóns de euros en tres anos. Para a CIG, isto representa unha oportunidade perdida para presentar un plan transitorio cara á sanidade pública que, respectando a situación actual dos funcionarios con prestación privada, reforce definitivamente unha sanidade pública e de calidade para todos.
Lembran que, nos últimos meses, algunhas entidades negáronse a continuar con tratamentos ou a concertar citas para presionar ao Goberno, polo que non descartan que volvan facelo cando o consideren necesario. Tampouco sería sorprendente que deriven casos urxentes ou máis custosos á sanidade pública, unha práctica que creen habitual. O sindicato comprométese a denunciar calquera incumprimento das obrigacións legais destas empresas ante MUFACE.
Desde os sectores da Área Pública da CIG, non esquecen que MUFACE xestiona unha serie de axudas de carácter social e sociosanitario, actuando como un fondo de acción social similar ao existente en moitas administracións e empresas. Estas axudas inclúen desde apoios por xubilación, falecemento ou enterro até prestacións por parto múltiple ou a xestión de subsidios por baixas médicas superiores a tres meses. O mantemento de todas estas axudas e dereitos debe quedar claramente fóra do debate actual, argumenta o colectivo nacionalista.
Escribe o teu comentario