CC.OO.: “Das vacantes de novo ingreso en Educación quedaron sen cubrir un 19%"
Comisións Obreiras, UXT e Anpe, socios no acordo asinado coa Consellería de Educación en 2023, expuxeron esta semana as súas impresións no inicio do curso 25/26. Con boas noticias en canto ao número de docentes, os sindicatos seguen chamando a atención da Xunta sobre aspectos nos que cabe mellorar, como é a atención á diversidade, que motivou protestas en moitos centros galegos. Ero Sante, secretario de Comunicación da Federación de Ensino de Comisións Obreiras, ofrece a perspectiva do sindicato a Galiciapress sobre este e outros asuntos nun momento no que se coce unha folga de profesores, convocadal pola CIG.
Esta non está a ser unha volta ao cole fácil en Galicia, cun inicio do curso marcado polas protestas nunha ducia de colexios onde denuncian a falta de profesores e especialistas e a convocatoria dunha folga que vén cociñando a lume lento durante todo o verán. De Rianxo a Moaña e da Laracha a Mos, moitos centros demandan máis persoal, coincidindo no tempo coa denuncia da CIG, que cifra en máis de 800 as prazas de profesores que quedaron vacantes na comunidade.
Un número que, con todo, non só non comparten sindicatos como Comisións Obreiras, central que con UXT e Anpe asinou un acordo de melloras coa Consellería de Educación a finais de 2023 moi criticado tanto polo sindicato nacionalista como por STEG e CSIF, senón que desdicen acusando á CIG de “tergiversar as cifras” de “maneira interesada” e, mesmo, “maliciosa”, como indicou o director de Anpe, Xullo Díaz, na valoración dos tres sindicatos socios no inicio do curso.
CLAVES DO BAILE DE CIFRAS
Ero Sante, secretario de Comunicación da Federación de Ensino de Comisións Obreiras, pon en contexto estas cifras de vacantes que poden “#contar de moitas formas”. “Podes contar xornadas completas, medias xornadas, comparando co profesorado ao longo de todo un curso, co que hai a día 1 de setembro, que non é o mesmo que hai dúas semanas despois cando comezan as chamadas… Hai moitas formas de contar e retorcer os números”, expón Sante, detallando que existen prazas de promoción interna que “moitas veces quedan sen cubrir” e que logo son utilizadas por outros sindicatos como soporte para as súas críticas contra a Consellería.
Nesa liña, Sante comprende que este é un problema “a nivel estatal” derivado dos procesos de oposición existentes, suxerindo a idoneidade de repensar un sistema actual “que hoxe non sempre escolle aos mellores docentes”, sometido á presión por obter resultados e cribar aos opositores nun tempo determinado.
Para iso, admite, faría falta un maior investimento para que o modelo de probas fose moito máis preciso, ademais de máis longo e menos extenuante para os evaluadores. “Avogamos por un proceso de selección sen probas eliminatorias, de maneira que os profesores poidan facer a parte práctica e teórica, ademais de demostrar as súas capacidades pedagóxicas”, reflexiona.
O mesmo sucede na Formación Profesional, outro capítulo sometido ás críticas da CIG, que censura a influencia das empresas na FP. Por parte de Comisións recalcan a “descoordinación brutal” existente en todas as rexións para levar a normativa estatal a decretos autonómicos. “É algo que está a ocorrer en todas as comunidades, o de Galicia non é un caso illado. Débese a unha Lei de FP que, na nosa opinión, non se adapta á realidade das empresas en España e pola coexistencia de dous sistemas nunha transición que terminará neste curso”, xustifica.
Desde CC.OO. esgrimen os datos publicados no DOG para defender que co acordo alcanzado coa Xunta freouse a destrución de aulas e de postos de traballo. De feito, o sindicato argumenta que o texto permitiu a apertura de máis aulas “naqueles sitios onde foi necesaria a súa apertura”.
“Das vacantes de novo ingreso quedaron sen cubrir ao redor dun 19% das prazas ofertadas, un pouco por baixo da media nacional. Pero hai especialidades que son difíciles de cubrir porque os soldos en empresas son moito máis atractivos que na educación pública”, lamenta Sante. O salario dos profesores non subiu ao mesmo ritmo que se encarecía a vida nos últimos anos, algo que percibiron no colectivo e polo que demandan melloras nos seus emolumentos para frear unha perda adquisitiva cada vez máis acusada.
En Comisións coinciden nesa reivindicación, pero convidan os sindicatos críticos a saír da postura do ‘Non a todo’ co exemplo dunha CIG “que leva 18 anos sen asinar ningún tipo de acordo” e que ao mesmo tempo “esixe o cumprimento daqueles pactos dos que se desmarcan”.
"A ATENCIÓN Á DIVERSIDADE ES UN MELÓN QUE HAI QUE ABRIR"
O da retribución non é o único punto coincidente entre as dúas faccións das forzas sindicais na educación galega. A falta de profesionais de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe motivou moitas denuncias neste inicio de curso por parte de decenas de centros, unha situación da que son conscientes en Comisións Obreiras, pero sobre a que tamén teñen moito que dicir.
Está estipulado que a cada centro, en función do número de alumnos e do nivel educativo, correspóndelle un número determinado de profesores coas súas especialidades. En Infantil e Primaria, onde se multiplican as necesidades ao ser os primeiros niveis nos que se detectan as dificultades de cada estudante, “non existe unha normativa que diga os recursos que deben destinar segundo as necesidades de cada aula, senón que se fai ao xuízo dunha administración que trata de axustar e compartir recursos, pero é xusto aquí onde temos que ser especialmente vixiantes os sindicatos e pór o foco naqueles lugares onde fai falta unha maior atención”.
Estas circunstancias vímolas estes días en centros de Noia ou Santiago de Compostela, onde demandan a Inspección Educativa que revisen as súas necesidades para poder dar unha mellor atención aos alumnos con necesidades especiais. O problema nestes momentos é que a esixencia das administracións é cada vez maior para conceder estes recursos, sendo especialmente restritiva en moitos casos.
Por isto, desde CC.OO. consideran urxente actualizar o catálogo de postos de traballo e acordar un protocolo para poder seguir de corrida que corresponde a cada centro en cada circunstancia. “Pero o diñeiro non é infinito”, asume Sante, que reitera a función dos sindicatos para “conseguir máis fronte a unha administración que non quere elevar o gasto”. “A da atención á diversidade é unha negociación específica e un melón que haberá que abrir coa Consellería, polas boas ou polas malas, sen descartar ningunha medida”, aventuran. A posta en marcha dun "punto laranxa" na súa web é un dos pasos dados para que os centros teñan un lugar ao que dirixir as súas queixas e recompilar as necesidades existentes.
Neste escenario, a algúns pode resultarlle paradógico que esta tira e afrouxa entre a Xunta e os sindicatos termine en mans da Xustiza para esixir ao Goberno de Galicia que cumpra co acordo polos cocientes, precisamente nun contexto onde CC.OO., UXT e Anpe defenden que hai agora máis profesores e, ao tempo, menos alumnos que antes de selar o acordo.
Para os asinantes o axuste dos cocientes non se produce á velocidade que lles gustaría e piden que se cumpran os puntos pactados porque traería consigo un número aínda maior de “novos docentes”. “Se se cumprisen tal e como o demandamos, en lugar de ir pospóndoo a catro anos debido á Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, hoxe habería máis grupos desdobrados e teriamos máis profesorado”, razoa Sante. Só cun número axeitado de docentes, agregan, pode cristalizar outra demanda como a rebaixa das horas lectivas, coa aspiración de que en Infantil e Primaria chegue ás 21 horas.
OPCIÓNS DUNHA FRONTE AMPLA CARA Á FOLGA?
Os cocientes, as horas lectivas ou outro asunto como a rebaixa da burocracia son debates sobre os que, dunha forma ou outra, coinciden o conxunto dos sindicatos, pero é nas formas onde terminan chocando. “Temos que estar unidos. Non vale que cada un vaia por libre ou que organizacións poñan a caldo a outras”, reprende Sante, que pide unha fronte ampla na educación galega.
A propia nota difundida a principios de semana por CC.OO., UXT e Anpe reflexionaba sobre isto: “Queda moito traballo por facer e non imos baixar os brazos até conseguir o desenvolvemento íntegro do Acordo. E se a situación non responde as expectativas que temos, mobilizarémonos, e iremos á folga o tempo que faga falta, pero ese é un recurso, non o camiño”.
Esta pode ser entendida como toda unha declaración de intencións na previa da primeira mobilización de profesores convocada pola CIG para este sábado 13 de setembro, antesala da folga anunciada para o xoves 25 deste mesmo mes e convocada polo sindicato nacionalista, conocatoria que tabién apoia a CUT.
“Nós mesmos entendemos que dentro do acordo hai aspectos que non se están aplicando correctamente. Por iso denunciámolo ante a Xustiza. A resposta da CIG ao noso achegamento foi a convocatoria de maneira unilateral no primeiro día de curso”, sostén Sante.
“Hai problemas? Por suposto. Son suficientes para convocar unha folga a día 1 de setembro sen falar con ninguén?”, expón Sante, que enmarca este movemento nunha estratexia motivada pola proximidade das eleccións sindicais e por cuestións de corte político.
“Cremos que non é o momento nin a forma. O que vemos noutras comunidades é que o que prospera son convocatorias unitarias, veñan ou non dos sindicatos”, sentencian desde Comisións Obreiras, que deixan a porta aberta a emprender todo tipo de accións sen que iso signifique dar portada á posibilidade de establecer diálogos.
Escribe o teu comentario