Lea pola autovía entre Nadela e Sarría: o Concello de Lugo denuncia atrasos; a Xunta négaos

O Goberno galego mantén que a previsión é comezar as obras en 2026 e acabalas en 2028.

 


|

210301 Autovia NadelaSarria DCS 02
Autovía Sarria-Nadela


A Xunta de Galicia respondeu ao alcalde de Lugo, Miguel Fernández, asegurando que non existe ningún atraso na execución da nova autovía AG-22 (Nadela-Sarria), da que falta o tramo comprendido entre A Pobra de San Xiao e Nadela, o cal suporá un investimento 35 millóns de euros.

O organismo autonómico referiuse á visita que realizou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao Páramo, concretamente ao momento onde se unirán os dous tramos, no mes de xuño. Naquel momento, o presidente, que estivo acompañado pola conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, explicou que a previsión era "finalizar o 2025 coas obras licitadas e se é posible tamén adxudicadas para poder comezalas en 2026".
 


Responsables da Consellería afirmaron que "estamos agora onde dixemos que estariamos, por tanto, non hai ningún atraso", e confirmou a Europa Press que a data de finalización dos traballos está prevista para 2028.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, expresara este martes a súa "profunda preocupación" polo novo atraso na execución da autovía Nadela-Sarria, unha infraestrutura que cualificou como "fundamental para o desenvolvemento económico e social da cidade e de toda a súa área de influencia". Asegurou Fernández que esta obra tiña como data de conclusión 2026 e que, agora, "non estará finalizada, como mínimo, até 2028".
 


Estas declaracións están relacionadas co Consello da Xunta deste luns, no que se aprobou definitivamente o proxecto de trazado para culminar a transformación do corredor Nadela-Sarria nunha vía de alta capacidade, que supón a última fase da autovía que unirá Lugo e Sarria.


En concreto, o Consello deu luz verde ao proxecto e ao estudo de impacto ambiental no tramo Nadela-A Pobra de San Xiao, ao seu paso polos concellos de Lugo, O Corgo e O Páramo, que suporá un investimento de 37,4 millóns de euros. Trátase da conversión en autovía do último tramo do corredor Nadela-Sarria (CG-2.2) para completar o desdobre.

"A aposta do Goberno galego polas infraestruturas viarias é firme; de feito, nos últimos anos incrementouse en máis dun 70% a extensión da rede de vías de alta capacidade de titularidade autonómica, coa posta en marcha de 50 novos quilómetros sen peaxe soa na provincia de Lugo. Así, a día de hoxe máis do 80% da poboación galega atópase a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións", lembra a Xunta.

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE