Alfonso Villares toma posesión como novo delegado da Xunta nun acto sen Rueda na foto
O exconselleiro do Mar regresa á primeira liña política tras o anuncio de onte logo da celebración do Consello da Xunta.
Entre os moitos cesamentos e nomeamentos mencionados onte por Alfonso Rueda tras a celebración do último Consello da Xunta, o máis destacado foi o de Alfonso Villares, exconselleiro do Mar, como novo delegado da Xunta en Lugo. Menos de 24 horas despois, Villares tomou posesión do seu novo cargo nun acto no que estiveron presentes o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a conselleira de Medio Rural, María José Gómez. Non estivo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a gran ausencia no regreso de Villares á primeira liña política.
SOBRESEMENTO PROVISIONAL
Villares volve ao taboleiro político en substitución de Javier Arias, que deixa o posto tras seis anos como delegado territorial, e despois do arquivo da súa causa por suposta agresión sexual á modelo e presentadora Pomba Lago, que recentemente recalcou que o caso non está nin moito menos pecho e que o sobresemento é provisional, susceptible de reabrir no momento no que aparezan novas probas.
Das acusacións, Villares limitouse a reivindicar a súa inocencia: "Son inocente de calquera tipo de causa que nalgún momento púidose sinalar".
"BRAZOS ABERTOS" PARA VILLARES
En calquera caso, Villares foi investido hoxe nun acto onde dixo levar "o servizo público no sangue" e querer "estar á beira dos cidadáns". Ao tempo, ao ausente Rueda trasladoulle o seu agradecemento por "a confianza que depositou" na figura do exconselleiro que dimitiu hai un ano cando saltou o escándalo, do que a Xunta tivo coñecemento durante meses sen cesar ao agora delegado en Lugo.
Así, espera "responder as expectativas que o Goberno galego ha posto en min", ademais de pór o acento sobre a provincia, da que di estar "moi orgulloso" e á que aspira a "contribuír a mellorar".
Calvo, pola súa banda, agradeceu o servizo prestado ao delegado saínte e salientou que Lugo é a "casa" de Villares, que foi alcalde de Cervo e presidente da Fegamp antes de chegar á Consellería do Mar.
O "coñecemento perfecto da provincia e do Goberno" de Villares e o seu "empatía, formación e experiencia" foron aspectos destacados por un Calvo que dixo ter "os brazos abertos" ao novo delegado, que de novo forma "parte do Goberno e confiamos en ti para representarnos na provincia de Lugo".
Escribe o teu comentario