Francisco Jorquera non repetirá como candidato do BNG á Alcaldía da Coruña en 2027
Os nacionalistas deberán buscar portavoz municipal xa. A persoal elixida será, moi probablemente, a cabeza de cartel para as eleccións locais. Tanto a alcaldesa do PSOE Inés Rey como o líder da oposición do PP Miguel Lorenzo encomiaron a figura do veterano político nacionalista, que o deixa preto da xubilación tras unha carreira que empezou cando se fundou o Bloque, alá por 1982.
O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, anunciou este mércores que non será o candidato nacionalista á Alcaldía nas eleccións municipais previstas para maio de 2027. “É o momento de pechar un ciclo”, declarou nunha comparecencia ante os medios tras comunicar a súa decisión ao Consello Local do Bloque.
Fíxoo tras trasladar ao Consello Local a súa decisión. Neste sentido, argumentou que o BNG é unha organización democrática e que "a elección da candidatura corresponde ao conxunto das persoas afiliadas á organización".
"Hai decisións que son individuais e que corresponden a cada persoa", aseverou para insistir en que 2027 é o ano de "pechar un ciclo". Todo iso en relación a unha decisión "longamente meditada".
"Tomeina hai xa tempo, pero creo que este é o momento oportuno para facelo pública", engadiu para precisar que inflúen razóns persoais.
"A miña vida non se esgota na política e hai aspectos da miña vida persoal e familiar aos que lle quero prestar máis tempo e dedicación", sinalou. Por outra banda, lembrou que en 2027 terá preto de 66 anos e que non se ve "con suficientes forzas para estar na Corporación outros catro anos máis".
"A Coruña necesita persoas con forzas, ganas e ilusión, capaces de darlle un novo impulso á nosa cidade", destacou para insistir en que na política hai que saber "pechar etapas". Toma esta decisión, resaltou, porque cre que "na política, como na vida, hai que saber pechar etapas"
Convencido de que a cidade necesita ao BNG, indicou que o seu obxectivo é seguir exercendo como concelleiro até fin de mandato". Con todo, engadiu que pon a disposición o seu cargo como portavoz do grupo municipal no caso de que o partido considere necesario a substitución, engadiu o que tamén foi senador e deputado no Congreso.
"Espero desenvolver as responsabilidades que me encomendaron con honestidade e tendo sempre presente que ante todo somos representantes da cidadanía e a ela debémonos". "Nestes tempos de populismos e degradación da política é bo lembralo", subliñou noutra parte da súa intervención.
Escribe o teu comentario