"Altri non recibirá axudas polo PERTE de Descarbonización", sentenza José Ramón Gómez Besteiro
O secretario xeral do PSdeG descarta que Altri poida acceder aos 30 millóns que esixe polo PERTE da Descarbonización.
A manifestación multitudinaria que se celebrou este domingo nas rúas de Santiago de Compostela evidenciou a forte oposición cidadá existente contra a chegada da planta que Altri pretende instalar en Palas de Rei. Á negativa da rúa súmase a negativa dos partidos da oposición ao PPdeG, que máis tarde ou máis cedo se pronunciaron contra o proxecto desta factoría que se presenta como unha importante ameaza medioambiental. Neste sentido, o secretario xeral do #PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, puxo en solfa a posibilidade de que Altri poida recibir os 30 millóns de euros que esixe en axudas para dar viabilidade ao seu proxecto en Galicia.
SEN AXUDA ESTATAL
Así, Besteiro dixo ter "a convicción" de que os millóns pertencentes ao PERTE de Descarbonización Industrial "non van ser" para as arcas de Altri. Nese sentido, apuntou que non se pode descarbonizar "o que antes non existía", polo que estas axudas, deseñadas polo Goberno de España, quedarían fóra das posibilidades da firma portuguesa segundo un Besteiro que, durante moitos meses, foi tachado de morno pola súa postura equidistante contra Altri.
Se Altri non recibe estas axudas é posible que o plan varíe substancialmente en Lugo. Aínda que consideran que o proxecto de Pas pode encaixar nesa liña de axudas pola súa intención de producir fibras téxtiles, as axudas públicas son fundamentais para o investimento da compañía lusa, que pretende lograr até unha cuarta parte do que proxecta gastar en Galicia a través desta clase de axudas, algo que espertou os receos de Besteiro, que ao coñecer estas intencións dixo que "cheiraba a chamusquina".
"Lembrarán vostedes que hai uns meses o propio responsable da empresa mencionaba que necesitaba 250 millóns de financiamento público a fondo perdido para que fose viable. Un proxecto que necesitaba un 25% de fondos públicos a fondo perdido cheiraba a chamusquina. Que ocorre si non hai eses 250 millóns? Xa non é viable economicamente?", salientou.
"É un proxecto que non nos gusta", sentenza Besteiro, que pecha a porta a conceder axudas a Altri, polo menos, no plano do PERTE para a descarbonización. No entanto, Besteiro non é tan contundente sobre se a Xunta financiará ou non a este proxecto que é "totalmente distinto" ao presentado no seu día.
Escribe o teu comentario