Besteiro esixe que Rueda explique no Parlamento o "malgasto" de 470 millóns no Cunqueiro

O secretario xeral do PSdeG avanzou que enviará unha carta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na que lle demanda a súa comparecencia urxente no pleno, así como a do conselleiro de Sanidade na comisión de Calidade Democrática e Transparencia


|

Besteiro
José Ramón G. Besteiro


 

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, informou este sábado de que o grupo parlamentario socialista rexistrou unha batería de iniciativas en relación co "sobrecusto e outras irregularidades" na licitación do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e avanzou que enviará unha carta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na que lle demanda a súa comparecencia urxente no Pleno por este asunto.

Tras coñecer o pasado mércores o Informe de Fiscalización do Contrato de Concesión do centro hospitalario vigués publicado por Contas, que conclúe que sería máis eficiente licitar a obra e os servizos do centro por separado, e non conxuntamente como levou a cabo a Xunta, xa que suporía un aforro de máis de 470 millóns de euros (#IVE incluído), Besteiro volveu a sinalar que este documento confirma que o contrato foi "un desastre financeiro e administrativo" que causou "graves prexuízos" á cidadanía galega.

Así mesmo, en declaracións aos medios antes de asistir á Feira do Bonito de Burela, cualificou de "inaceptable" o sobrecusto, debido a "malas decisións" ás que se une unha "total falta de transparencia" no proceso de licitación.

"Falamos de case 500 millóns de euros tirados ao lixo", lamentou o líder do PSdeG, que remarcou que se trata de diñeiro "de todos os galegos" que foron "malgastados de maneira irresponsable".

CARTA A RUEDA
Ademais das iniciativas rexistradas na Cámara galega, Besteiro avanzou que enviará unha carta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na que lle demanda a súa comparecencia urxente no pleno, así como a do conselleiro de Sanidade na comisión de Calidade Democrática e Transparencia.

Insistiu tamén en que Feijóo, presidente cando se licitaron as obras, e Rueda, como vicepresidente nese momento, "non poden seguir esconder" e deben dar explicacións sobre "o malgasto" de 470 millóns de euros. Neste sentido, afirmou que "non se pode xustificar o inxustificable", en referencia ás declaracións realizadas este venres polo conselleiro de Sanidade.

Así, Besteiro defendeu que durante a pandemia o presidente do Goberno "tomou as decisións que había que tomar" e os profesionais sanitarios "deixáronse a pel". Por iso, manifestou que dicir que "as obras combateron o covid é repetir o mantra de Ayuso co Zendal" e deixar claro que "para o PP, a sanidade é un negocio, neste caso, inmobiliario".

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE