Ferido un mécánico en Amoeiro ao caerlle encima a porta dun autobús
O afectado tivo que ser trasladado en helicóptero despois do suceso, ocorrido ao redor das 10 horas deste xoves.
Un mecánico tivo que ser trasladado en helicóptero tras caerlle encima a porta dun autobús no municipio ourensán de Amoeiro.
Segundo informou o 112, o suceso ocorreu ao redor das 10 da mañá, mentres o operario arranxaba o vehículo ao pé da OU-0524.
Ao parecer, o mecánico golpeouse na cadeira ao caerlle encima a porta do autobús. Así o explicou a persoa que chamou ao número único de emerxencias para solicitar asistencia médica urxente.
O servizo pediu a colaboración do 061, que decidiu enviar unha dotación a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense.
Pola súa banda, os voluntarios de Protección Civil de Amoeiro participaron no operativo para servir de apoio na aterraxe da aeronave. Tamén se desprazaron axentes da Garda Civil.
Escribe o teu comentario