Hai un refrán popular que di: “Que pouco dura a alegría en casa do pobre”. Isto poderíase aplicar á situación que se está vivindo no episodio do choque de trens, co resultado de 45 persoas falecidas e un bo número de feridos, algúns deles graves, que continúan hospitalizados.
Os dous partidos maioritarios, PSOE e PP —o primeiro gobernando en España; o segundo, facendo o mesmo na comunidade andaluza— habían tido un comportamento exemplar (como debe ser), ao coordinar e traballar conxuntamente co único obxectivo de axudar ás persoas afectadas: feridas e falecidas, así como atender ás familias. Un traballo que parecía que ía seguir así, polo menos, ata que os enfermos saísen do hospital e os falecidos recibisen sepultura. Pero xa se sabe que sempre hai alguén que o estraga nese afán de protagonismo persoal.
Cando xa decidira o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o presidente de Andalucía, Juanma Moreno, levar a cabo un funeral de Estado en Huelva, provincia de procedencia da maioría do afectados —acto que creo que é bo—, aparece a “artistiña” da política “nacional” e aspirante a ocupar o palacio da Moncloa, Isabel Díaz Ayuso (a que sempre se carga aos seus xefes), pasando do seu compañeiro de partido, incluído o presidente andaluz, e adiantaba nunha entrevista radiofónica que enviara unha carta ao arcebispo de Madrid para que se oficie un funeral na catedral da Almudena en memoria das vítimas do accidente ferroviario.
Ao elixir a catedral, segundo a presidenta madrileña, “representaría un testemuño de condolencias e solidariedade en nome do conxunto de todos os españois, non só os madrileños”. Díxoo, quedouse mirando á Almudena e ao funeral de Estado, pisando a Sánchez, Moreno e até ao propio Feijóo.
Ayuso é Ayuso, perdón, con permiso de Miguel Ángel Rodríguez, o seu mentor e mente diabólica que lle inxecta ese malo leite que hai tempo acompáñalle. Pasa do seu partido e dos seus dirixentes, e até da súa propia comunidade. Ela ten unha idea: ser presidenta do Goberno de España e, paralelamente, presidenta do PP, quitar do medio ao presidente do seu partido, ao que en máis dunha ocasión tentou deixar en ridículo. Dos problemas de Madrid fala pouco; ela faio de España, critica constantemente a Pedro Sánchez e, desde hai un tempo, intensificou as súas relacións “internacionais” con viaxes oficiais, algúns deles participando en mitins de candidatos afíns ás súas ideas. Desde 2021 até 2025, Ayuso viaxou cinco veces aos Estados Unidos.
É que a internacional e solidaria presidenta da Comunidade de Madrid trazou (perdón, Rodríguez) unha axenda internacional que non ten nada de casual: Arxentina, Israel e México (onde goberna a dereita liberal). Estes tres países, cuxas relacións co Goberno de España non é que sexan moi boas, máis ben manteñen un enfrontamento (con México están a suavizarse). A solidariedade de Ayuso co Goberno do seu país é máxima, como se pode ver. Claro, tendo en conta o que fai co seu presidente Feijóo, non se pode esperar outra cousa da patriota madrileña. Non sei quen dixo que “o idiota grita, o intelixente opina e o sabio cala”. Non fai falta dicir o que é Ayuso: polas súas accións coñecerédela.
Non sei o que pode opinar o presidente Moreno da intromisión da súa compañeira, que é unha persoa prudente, pero moita graza non lle fixo. Un funeral de Estado, como o seu nome indica, representa a todos. É alí onde poden estar todos/as, incluída Ayuso. O que está a facer é romper o clima de consenso nunha situación onde a unidade é importantísima. Ela o que quere é ter protagonismo, aínda que sexa nunha situación como esta. Lamentable, o mesmo que Abascal e os seus raparigos, que sempre que poden deben dar a nota tratando de sacar rédito político do choque de trens. Xa o dicía Immanuel Kant: “O sabio pode cambiar de opinión, o necio nunca”.
Escribe o teu comentario