Din que sempre hai unha primeira vez para todo. Nalgúns casos pode resultar bo. Noutro non tanto, porque anuncia un comezo de algo doloroso. Este é o caso do primeiro accidente de trens de alta velocidade sucedido este domingo nun municipio de Córdoba de nome Adamuz, até agora descoñecido para a gran maioría da cidadanía. A partir deste domingo ninguén esquecerá o seu nome: a morte de 40 persoas e máis de 125 feridos de diversa consideración. Aínda queda coñecer cantas persoas do tres últimos vagóns dun dos trens sinistrados, que caeu por un noiro, e cuxos corpos aínda non puideron ser rescatados. Tampouco se esquecerán do nome do pobo pola actitude dos seus habitantes, que nada máis coñecer o sucedido non llo pensaron dúas veces: colleron mantas, comida, auga e outros aveños para axudar aos afectados. Un traballo que representa o sentido de solidariedade das persoas deste país, que cando fai falta están aí.
A sensibilidade política, traducida en colaboración cando a necesidade está por encima dos intereses partidistas, estivo presente na xestión do accidente. Todas as institucións, local, autonómica e estatal, axuntaron forzas para realizar o seu traballo, cuxo fin non é outro que atender aos feridos, aos falecidos e aos familiares que están angustiados por eles. Todos, dunha maneira coordinado, puxéronse de acordo e traballan ás alancadas neses tres vagóns aos que hai que acceder para saber a situación das persoas que viaxaban nos mesmos, e espérase o peor, aínda que a esperanza é o último que se perde.
Non hai cabida para sacar rédito político desta desgraza
Agora, tras atender aos que sacaron dos trens, todo o esforzo debe estar dirixido a eses tres vagóns, sen esquecer dos feridos e á espera do recoñecemento dalgúns dos falecidos. Despois, os enterros, sen deixar de lado a investigación, sen especulacións, senón con resultados documentados por parte dos expertos. Estes deben ser os obxectivos, os esforzos de todos: institucións, partidos políticos, compañías ferroviarias. Non hai cabida para sacar rédito político desta desgraza (aínda que haxa aves carnazal nalgún partido e medios de comunicación); até agora estase cumprindo. O que demostra que cando hai vontade de ir unidos na desgraza e todos o aceptan, pódese conseguir. É un exemplo que outrora se producía con moita facilidade e que a sociedade concienciada botaba moito de menos. Despois virá pedir as responsabilidades que toquen para coñecer a verdade do sucedido e facer xustiza.
O momento no que os trens, non se sabe aínda as causas, foron os protagonistas da gran traxedia vivida polas persoas que viaxaban tranquilamente sen imaxinar que, nun momento concreto, 19.37 horas, as súas vidas ían dar un envorco sen ter nada que ver nin participar voluntariamente, senón que o destino lles xogou unha mala pasada. Moitas desas persoas, de momento 40, pero o número final será superior, pasaran un fin de semana como elas planificaran; o choque, non.
Aos afectados que tiveron a sorte de seguir vivindo, ás familias dos feridos que están a vivir a situación con angustia, só quédalles pensar que hai xente que, por desgraza, deixou a súa vida (nenos, xente nova e menos nova) e que non poderán expresar o medo, o sufrimento que pasou, só coa mala compañía da morte que lles estaba axexando. Ás persoas que perderon aos seus seres queridos, só quédalles o recordo do tempo que compartiron. O tempo, a axuda de profesionais mitigarán unha parte desa dor intensa que lles invadiu desde as 19.37.
“A solidariedade é o sentimento que mellor expresa o respecto á dignidade humana”, dicía Franz Kafka.
Escribe o teu comentario