Este domingo, dous eran os focos que atraían a atención da cidadanía: as eleccións en Estremadura e as compras do Nadal. Esta última foi a opción con máis éxito, por iso de estar abertos os centros comerciais e os comercios. Case todo o mundo entende iso das compras, por motivos diferentes. As eleccións en Estremadura, acuñadas como un plebiscito dos xenerais por todo o que lle está ocorrendo ao PSOE e ao seu Goberno, contaron coas persoas máis politizadas. A maioría está da política e dos seus políticos ata os cumios; é fácil de entender. Esa decisión de “pasar” non é boa para a democracia: o cidadán non só debe votar e xa cumpriu, non; debe pedir contas do que fan aqueles que recibiron os seus votos e teñen a obrigación de render contas.
Os datos dos comicios estremeños son o resultado do enfrontamento constante dos dous grandes partidos, socialistas e populares, de cuxas batallas ningún deles salgue gañando, senón que un terceiro se beneficia: Vox, que, sen facer nada, vai recollendo a colleita en forma de votos que lles dan PSOE e PP. Non o queren entender e Feijóo está metido nun labirinto, rodeado de analistas políticos da “talla” de Miguel Tellado, a estrela de Radio Fene nos seus días de xornalista intrépido (emisora dos independentistas galegos), que foi medrando no PP a un ritmo trepidante de “evolución política” pola ambición dunha cadeira de brazos con mando.
Con determinada xente do seu partido, Feijóo teno cru sen o apoio de Vox. Están condenados a entender. O seu discurso incendiario ha queimado as pontes con outros partidos que lle puidesen dar o seu apoio (aínda que en política nunca se sabe e dúas máis dúas non teñen por que ser catro; dependen das circunstancias). O líder popular non soubo buscar esa posición de centrodereita equilibrada que fai falta. Para ultradereita xa está o partido de Abascal, cunha ideoloxía que asusta aos demócratas de verdade: un radicalismo extremo contra institucións democráticas, xenófobo, homófobo, antifeminista e todo o que cheira a autoritarismo. Só hai que ver con quen leva ben: Trump, que, entre outras cousas, pon a parir a España e ao seu Goberno (moi patriota Abascal); Orbán, un exemplo de “demócrata”, pouco solidario co resto de países; Milei, o da motosierra; e Meloni, primeira ministra de Italia, e a súa gran amiga Le Pen.
A presidenta estremeña, María Guardiola, convocou as eleccións dous anos antes do que tocaba porque os orzamentos non se aprobaban grazas a Vox, que non quería apoialos. Segundo Guardiola, non quería sucumbir ás esixencias de Abascal. Tamén debeu pensar que os socialistas non estaban no seu mellor momento e que moitos deses votos que ían perder recolleríaos ela. Era a aposta para conseguir a maioría absoluta. A xogada non lle saíu ben, a pesar do desastre sufrido polos socialistas. Agora, cos resultados actuais, tampouco poderá gobernar en solitario, senón que vai necesitar de Vox, que duplicou o número de deputados e cuxo prezo a pedir tamén será superior. En definitiva, está na mesma situación. Como se resolve a cuestión? A gañadora das eleccións teno cru. Debe pactar si ou si con Vox, ou convocar eleccións, cousa que non lle van a permitir desde a dirección de Xénova.
Pode ocorrer que unha das condicións que impoña Vox sexa pedir a “cabeza” de Guardiola se queren gobernar. É que Abascal aplica o seu particular sentido da democracia e os dereitos humanos, como o facía o ditador Pinochet (agora de moda en Chile) cando dicía: “Son demócrata, pero á miña maneira”. Que llo pregunten aos miles de persoas desaparecidas baixo o seu mandato.
Ou os dous grandes partidos deixan de tirar os trastes á cabeza e aplícanse a facer política, ou este país segue os pasos de converter (algúns din que xa o é) nunha pota de grilos, onde a ultradereita segue subindo (entre os mozos), co perigo que iso supón. Tampouco hai que esquecer que Vox foi capaz de introducir nos barrios de traballadores, onde hai demasiada xente que non chega a final de mes. Co estómago buxán e sen recursos para sobrevivir é moi fácil que a esas persoas convénzallas. Está a verse que xa non vale utilizar a frase “se non vas, eles volven”.
Escribe o teu comentario