O fin doloroso para moitos das vacacións significa a chamada “normalidade” diaria: volta ao traballo, colexios, estradas cheas e o inicio do curso político, ao que se denomina “novo curso político”. De novo, nada de nada: todo continúa igual na política institucional e de partidos. É máis, atreveríame a dicir que, como veñen máis descansados, morenitos algúns, resabiados outros, o comezo deste mes de setembro vainos a traer unas cantas “guerras”, moito postureo, incerteza, uns cantos xuízos importantes e, sobre todo, demasiada agresividade política, cousa que non é necesaria nin conveniente para a saúde física e mental.
Este primeiro día de setembro tróuxonos a comparecencia nun acto público do presidente Sánchez, onde presentou a súa proposta de pacto de Estado ante a emerxencia que anunciara nas súas visitas ás poboacións afectadas polo lume. Entre outras propostas, destaca a creación dunha axencia estatal de protección civil e emerxencias co fin de mellorar a coordinación ante acontecementos extremos que, segundo o presidente, debido ao quecemento global, están a producirse con máis frecuencia e intensidade. Non deixa de lado á administración máis próxima aos cidadáns: os concellos, que contan con menos medios. Sánchez expuxo a creación dunha rede nacional de refuxios climáticos en cidades e pobos para facer fronte ás altas temperaturas que se están vivindo; para iso, quere a colaboración dos concellos.
No Congreso, a partir deste martes, unhas 30 leis están a esperar para ser tramitadas. O mesmo sucede coa posible tramitación dos Orzamentos Xerais do Estado para o próximo ano, que están a ser negociados coas distintas formacións. A dúbida segue aí: os socios esixen demasiado polos seus votos. Estará disposto Sánchez a acceder ás súas peticións?
Os xuízos pendentes achéganse; antes de que termine o ano veranse varios de moito interese político e social. Entre eles xa hai data, outubro, para o dos fillos da familia Pujol (a nai morreu e, a Jordi Pujol, creo que non o van a sentar no banco, verémolo, despois de 10 anos de instrución xa toca que senten, con permiso de Junts e o seu líder Puigdemont).
A xustiza tampouco se libra (non son santos, son terreais) de que algúns dos seus membros cambien de asento no xuízo. Caso do fiscal xeral do Estado, que o van a sentar no banco e que non será condenado, porque a súa acusación é máis unha vinganza que outra cousa. Tampouco se vai a librar, con “j”, a parella da presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso, que ten todos os números de que caia algo e non é precisamente a lotaría.
En Catalunya, o presidente Illa, por fin (a necesidade afoga), verase en Bruxelas co fuxido para “normalizar” as relacións. Non se acorda o presidente catalán de que Puigdemont, entre outras cousas, tomoulle o pelo o día no que ía ser nomeado, no Parlament, presidente da Generalitat? Iso é un tema menor… quere Illa que se lle aplique a amnistía a Puigdemont, cousa que non é tan sinxela porque depende das súas señorías, non do Congreso senón da xudicatura. Empezou forte o presidente catalán, previo conclave o pasado fin de semana en Tarragona con todos os seus consellers, para marcar as súas prioridades na súa xestión. Traballo ten.
Mentres que o partido da oposición, o PP, e o seu líder, que estivo moi activo este verán, segue facendo propostas como unha reforma legal co obxectivo de que non se poidan prorrogar os orzamentos dúas veces seguidas.
A guerra entre Sánchez e Feijóo, neste curso político, vai ser total. Quen a gañará? É complicado dar un gañador, dado como está o panorama, especialmente despois dos incendios deste verán.
A oposición de PP e Vox seguirá incidindo na trama de corrupción socialista, onde hai indicios para seguir metendo o dedo no ollo do presidente Sánchez. Mentres que Podemos, inimigo dos socialistas, está a se aproveitar da situación e en máis dunha ocasión aliñouse con eles para amolar ao Goberno. Sumar, que non levanta cabeza, quere marcar perfil propio para frear a súa caída nas enquisas. A súa polémica lei da rebaixa da xornada laboral, buque insignia da ministra Yolanda Díaz, segue pendente de votar no Congreso, pero de momento non conta cos votos suficientes.
O que é obvio é que o curso que se retoma non vai ser aburrido polos seus actores; aburrido será para a cidadanía, que seguirá recibindo máis do mesmo. Dicíao a filósofa Adela Cortina: “É tempo de alianzas e non de tribalismos”. Faise necesario un compromiso ético e político. Será posible? Pois, como diría un amigo galego, “depende”.
Escribe o teu comentario