Cando se achega a data, 1 de agosto, marcada polo presidente de Estados Unidos de impor aranceis aos países da Unión Europea do 30% (foino baixando), tendo como escenario Escocia, máis concretamente nunha das propiedades de Trump nese país, un campo de golf, lugar neutral?, chegaron a un acordo o presidente de EE. UU. e a da Unión Europea, Úrsula von der Leyen, no que se rebaixan os aranceis ao 15%. É bo o acordo? Depende ao lado no que se faga a valoración. Mirado desde EE. UU. é moi bo; desde o lado de Europa, é unha concesión en toda regra. Pero seguro que von der Leyen, á hora de ceder ante o que se considera o rei do universo, pensaría: “É mellor un mal acordo que un bo preito”.
Trump, que é un personaxe moi particular, ao que se lle pode aplicar calquera calificativo, a cal peor, fixo o favor ao vello continente de impor só un 15% aos aranceis. Algo tería que ver a visita da presidenta da Comisión Europea a China para manter contactos co goberno dese país e buscar posibles saídas, dada a postura de Trump. Algo tería que ver no cambio de actitude, o mesmo que as presións internas dos grupos económicos do país, eses que, en privado, non están moi de acordo coa medida.
As reaccións dos dirixentes europeos son diversas: o chanceler alemán, Friedrich Merz, e a primeira ministra italiana, Giorgia Meloni, están satisfeitos co acordo; o comisario europeo de Comercio cualifica o acordo de “gran avance” ante unha potencial guerra comercial ruinosa. Mentres que, para o primeiro ministro francés, Bayrou escribía en redes sociais que “é un día escuro cando unha alianza de pobos libres, reunidos para afirmar os seus valores comúns e defender os seus intereses comúns, resígnase á submisión”. Mentres, o presidente do goberno de España, Pedro Sánchez, afirmaba na súa intervención ante os medios do balance de goberno que “Respaldo este acordo comercial, pero fágoo sen ningún entusiasmo”. Unhas palabras moi diplomáticas para non botar máis leña ao lume e deixar en bo lugar á súa amiga, a presidenta da Comisión Europea, que tantas mans lle botou a el.
O acordo imporá aranceis do 15% ao 70% das exportacións europeas a Estados Unidos, incluídos automóbiles, que verán como soben o triplo do arancel actual do 4,8%. Mentres, aplicarase tipo cero ás exportacións da UE en sectores importantes como pezas de aeronaves, algúns produtos químicos, equipos semiconductores e algúns produtos agrícolas, como a cortiza.
O acordo paralelo será un gran alivio para países como Bélxica, Alemaña, Dinamarca e Irlanda, que contan con sectores farmacéuticos fortes e que Trump anunciara que lles subiría os aranceis ao 200% o próximo ano.
Sendo realistas, os aranceis impostos a China, vixentes desde o 4 de febreiro, só foron do 10%. E os primeiros resultados do belicista Trump, neste seis meses de goberno, e os efectos da guerra comercial que iniciou: a máquina recadadora xa recadou 108.000 millóns de dólares, en concepto destes impostos, o dobre do recadado en todo o 2024. Unha xogada recadatoria que explotará como ninguén, dada a baixada de popularidade que está a ter por algunhas das súas medidas impopulares.
O presidente norteamericano ha imposto o seu criterio unha vez máis. Quizais o fixo porque enfronte tivo unha persoa dócil que non quere, dados os tempos, iniciar outra guerra comercial coa que está a caer. Dicía o escritor Enrique Jardiel Poncela que “O sacrificio é un sentimento que a todo o mundo parécelle admirable nos demais”.
Escribe o teu comentario