A semana pasada terminou mal para os socialistas, polo caso Koldo, denominado agora “as mordidas do trío da bencina”, e feministas de prol, como se comprobou nas súas conversacións. O fin de semana serviulle a Sánchez, presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, para reflexionar e falar cos seus, tanto a nivel persoal como político. Non sería fácil asimilar o informe da OCU, os audios —que non teñen desperdicio— e admitir que moito “ollo” non tivo na elección dos seus secretarios de organización, eses que controlan o aparello do partido, e de que maneira. Tantas equivocacións, en tan pouco tempo? É difícil de entender.
O comezo desta semana era de esperar, porque os capítulos do escándalo trouxeron a reunión da Comisión Executiva Federal para falar do tema: coñecer o que pensan os seus integrantes, medidas a tomar e apoio “total” ao seu líder.
Terminada a reunión, comparecía Pedro Sánchez para dar conta aos medios de comunicación do que se decidiu na reunión, que por certo durou unhas catro horas. Con aspecto canso, pero decidido, o ton non era o dunha persoa compungida, senón de alguén que decidiu que non se marcha, nin convoca eleccións, e que pensa presentar batalla ao PP e a Vox, como se puido escoitar ao longo da súa comparecencia. Está guerreiro, polo menos na súa intervención ante os xornalistas.
O líder socialista ha mostrado o apoio da Comisión; pecharon filas ao redor del (polo menos de face á galería). Estendeuse explicando a corrupción que había cando gobernaban os populares e que tivo que “limpar”. Non obviou algúns dos audios, especialmente o que fai referencia a como trataban a “as amigas especiais”, coas que non ían xogar ás cartas e ás que trataban como gañado á hora de decidir a que lle tocaba a cada un. Especialmente a elección do “capo”, Ábalos ou Cerdán? Porque a Koldo tíñano como ao parvo útil. Xa se sabe que, en ocasións, os parvos non son tan parvos e pódenlles amolar o negocio, como así foi. Sánchez dixo que lle repugna e que non ten nada que ver co seu partido, ao que define como feminista.
Tres cousas decidiron ao longo das catro horas: expulsar do partido a José Luís Ábalos, tras 16 meses co seu expediente na Comisión de Garantías sen ser resolto; mentres que Cerdán dábase de baixa do partido. Tamén constituír a Secretaría de Organización, que será colexiada (até o 5 de xuño, data na que se celebra o Comité Federal), liderada pola presidenta do partido, Cristina Narbona; Montse Mínguez, deputada do PSC e membro da dirección do Grupo Parlamentario no Congreso; Borja Cabezón, membro da Executiva Federal, e Ana María Fontes, xerente do partido. Tres mulleres e un home. Sánchez anunciou que comparecerá ante o Congreso dos Deputados e a creación dunha investigación sobre o “caso Koldo”.
Por último, e quizais o máis importante —porque desas reunións depende seguir en Moncloa—, reunirase con representantes dos grupos parlamentarios para coñecer de primeira man o que pensan do tema e tomar en conta as súas propostas. Segundo o líder, o PSOE adoptará as medidas “proporcionais e útiles” que lle expoñan os seus interlocutores.
A imaxe que quixo transmitir á cidadanía o presidente do Goberno e líder do PSOE é que o seu partido non é corrupto, aínda que haxa persoas que, neste caso, previsiblemente sono. Que non está nas súas horas baixas, nin dimite, nin se vai, e que a moción de censura non a vai a presentar o PP, porque non a gañaría. Non falou de posibles cambios nalgúns membros do seu Goberno. Quizais espera que llo pidan nas reunións os seus socios de investidura? É posible que sexa así. Os representantes cos que se reúna pasaranlle a factura para seguir apoiándoo? A canto ascenderá?
A actitude do secretario xeral dos socialistas non debe esquecer que o ocorrido é moi grave, deixa tocado ao seu partido e desilusionados a votantes e militantes, que non poden estar coma se non ocorrese nada. Que o da Comisión está moi ben, pero como dicía Churchill: «Se non queres que algo se saiba, crea unha comisión de investigación».
Utilizar que non se vai porque o Goberno de España é o único de Europa no que non goberna a dereita ou a ultradereita non é válido. Eles non son os culpables de que o PSOE poida perder unhas eleccións, non que as gañen eles. Sánchez tiña dúas opcións: dimitir e que outra persoa do seu Goberno —o ministro de Economía, por exemplo— fose o presidente e non perderíase o Goberno. Ou convocar eleccións. A terceira vía, que é a elixida para seguir gobernando, non é a mellor, polo custo político e económico que vai ter. Non vale a famosa frase de “O fin xustifica os medios”. En absoluto. Os erros téñense que asumir, custe o que custe.
Escribe o teu comentario