A "zorra" de Bad Gyal e o político pichabrava

Manuel Vilas López

Benvidas sexan todas as voces que nos asustan a nós, señoros supostamente tolerantes.

 

“Escúpeme en la boquita, que linda carita” cantou Bad Gyal sobre o escenario de O Son do Camiño nun concerto patrocinado polo Xacobeo da Xunta, Abanca, Repsol e outras institucións de moita enxunlla. Este venres, como en pasadas actuacións, púxose diante dun proxector de luz, facilitando, como din con moita retranca en redes sociais, que os seus seguidores xordos leanlle os beizos, aínda que non lle estivesen mirando á cara.

 

 

 

A Alba Farelo caen críticas pola súa proposta hipersexualizada. Pasaron 70 anos desde que Elvis debutou en televisión e aínda hai quen se molesta polos movementos de cadeira sobre un escenario. Tamén hai quen explota o seu corpo como principal argumento para lanzar a súa carreira profesional. A min paréceme todo estupendo, alá cada cal cos seus abdominais, conciencia, conta corrente e autoestima. 

 

O post punk de Carolina Durante, a música urbana ou como se chame o estilo de Bad Gyal -recoñezo a miña ignorancia pureta respecto diso- ou o indie de boutique de Amaia, por pór tres exemplos que soaron o venres en O Son do Camiño, no fondo serven para o mesmo, circo para o pobo.

 

Bendito circo. Ademais de entretemento para que a plebe capee a súa precaria existencia, a música popular nas súas mil e unha mutacións é arte, máis ou menos afortunado. Como tal, un lenzo no que se plasman os cambios sociais e mesmo, algunhas veces, motor deses cambios.

 

A Bad Gyal e a outras cantantes critícanlles por usar palabras como zorra ou puta. Elas deféndense argumentando que están a se apropiar destes termos como parte da súa forma de vida non subxugada aos homes, con plena liberdade, afectiva e sexual. De paso, a polémica serve para aumentar a súa popularidade, o nunca visto.

 

 

Camiño queda por andar. Puta ou zorra son palabras que seguen sendo insultos. Se unha moza é promiscua, é unha puta ou unha zorra , se un home fai o mesmo, é, simplemente, un pichabrava.


Por exemplo, cando hai uns días comentaba cuns compañeiros a traxectoria persoal dun político investigado por abuso sexual en Galicia, o calificativo que máis usamos para describilo foi ese, o de pichabrava ou picaflor. Termos que, evidentemente, distan de ter a mesma connotación negativa de puta ou zorra. En certos contextos, como na barra dun bar, mesmo poden ter unha connotación positiva.

 

Conclúo pois que o bando Bad Gyal ten, polo menos, parte de razón; benvidas sexan todas as voces que nos escandalizan  a nós, señoros supostamente tolerantes. Igual, superado o impacto, podemos aprender algo.

 

Bad Gyal en O Son do Camiu00f1o en una imagen del Facebook del festival
Bad Gyal en O Son do Camiño nunha imaxe do Facebook do festival

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE