Cremos nunha sociedade onde o coñecemento universal era posible e desembocaría necesariamente nun mundo máis igualitario e xusto.
O arquivo de Ana, Library Genesis ou Biblioteca Secreta. Con estas tres fontes e o navegador Tor podes conseguir e ler case calquera libro.
Case calquera libro que non estea en galego, claro estça. Algunha vantaxe deben ter as editoriais desa estraña lingua indíxena que, por algún motivo, resístese a morrer.
A pirataría de libros suscita en min sentimentos opostos. Defendo o dereito dos autores a vivir das súas obras e o dos intermediarios a sacarlle unha plusvalía razoable.
Fronte a isto, contrapoño que, existindo a posibilidade de acceso universal, nada debe trabar a capacidade de crecemento persoal que nos achega a cultura en xeral e a lectura en particular. O seu enorme potencial para salvar vidas e mellorar o mundo é un ben superior.
Poder ler calquera libro en calquera lugar e en calquera momento non ten precedentes na historia. Outro tanto se pode dicir da información. Xamais o pobo puido ler tanto, tan fácil, de fontes tan diversas e con tan pouca censura.
Houbo un tempo, cando algúns eramos mozos, alá nos albores do desembarco de Internet nos noventa, que estas condicións nos levaron a crer que a utopía era realizable. Unha sociedade onde o coñecemento universal era posible desembocaría necesariamente nun mundo máis igualitario e xusto.
Nin hai que dicir que a realidade golpeounos nos fuciños, social e persoalmente.
O meu Kindle soborda de libros a medio ler. A miúdo salto dun a outro e non sempre é porque o que estou a ler non cumpra as miñas expectativas. Simplemente, o meu cerebro, chegado un momento, reclama algo novo, a súa dose de dopamina. Por que non darlla se o novo estímulo está a un par de clicks?
Cal é o antídoto ante esta epidemia de sobreinformación? En primeiro lugar, asumamos que a nosa capacidade para procesar estímulos é, afortunadamente, limitada. No referido a inputs de información, máis a miúdo significa menos.
Desconfíen daqueles que exhiben nas súas casas enormes bibliotecas nestes os nosos tempos onde miles de obras caben nun libro electrónico de 100 euros
Sucédenos o mesmo que cos inputs románticos ou nutricionais. Si para cear temos mil manxares, probablemente acabemos comendo demasiado, sen gozar realmente de nada e, ademais, sen alimentarnos correctamente. Terminaremos con sentimento de culpa por aquilo que non catamos e cunha indigestión que nos impedirá durmir.
En todo é recomendable a mesura, sentidiño tan difícil de aplicar nestes días onde o que conta é presumir non xa do que temos, senón das nosas experiencias.
Por certo, desconfíen daqueles que exhiben nas súas casas enormes bibliotecas nestes os nosos tempos onde miles de volumes caben nun libro electrónico de 100 euros. A experiencia ensinoume que a miúdo son persoas que lles interesan máis os libros como obxectos, polo valor de prestixio social que confiren, que polo coñecemento que ofrecen. Si a estes coleccionistas de prestixio recoméndanlle vostedes un libro, probablemente non o lean con calquera escusa.
Con todo, a contradición é evidente. Quen son eu para criticar o exhibicionismo dos demais, cando este artigo no fondo non é máis que un exercicio de vaidade. Oh, ego, que monstro tan difícil de domar.
Escribe o teu comentario