En Galicia estamos asistindo nestes últimos anos, especialmente desde que en España hai un goberno de progreso, os custos que supón que os intereses do partido que goberna (PP) se antepoñan aos intereses do país (Galicia). Recentemente tivemos tres exemplos meridianos que veñen sumarse a moitos outros anteriores, agora relacionados co financiamento especial para Catalunya, a condonación parcial da débeda autonómica e a delegación de competencias en emigración tamén a Catalunya. Asuntos nos que o actual goberno galego (PPdeG) adoptou unha postura de oposición cando non lle afectaba nin lle correspondía e cando mesmo debería servirlle para avanzar en soberanía.
Analicemos cada un destes tres asuntos. Inicialmente digamos que os tres tiveron como protagonista inicial a Catalunya e a súa soberanía, o que explica a posición contraria do PPdeG para quen o prioritario e seguir a estratexia de forte oposición ao goberno español de quenda (PSOE/Sumar) e as súas alianzas adoptada polo señor Núñez Feijoo (PP) aínda que sexa en prexuízo da autonomía galega que é utilizada como un ariete partidista. En relación co financiamento especial para Catalunya negociado por ERC e o PSC, dicir de entrada que, en contra dalgunhas interpretacións feitas dende Galicia, non se trata dun concerto pois non hai copo e se non hai copo non hai concerto. Supón un paso adiante relevante en soberanía e responsabilidade fiscal algo que desde Galicia deberíamos apoiar e reivindicar pois sería algo moi beneficioso para o noso país. Isto suporía ter capacidade política e administrativa para recadar todos os tributos que se pagan en Galicia, tamén para reformalos ou crear outros novos o que supón asumir unha dobre responsabilidade e competencia: nos gastos e nos ingresos -na fixación e a recadación dos tributos-. Un avance na liña federal que en nada prexudica ás demais autonomías polo que resulta inaudito que a Xunta de Galicia adopte unha postura contraria que só se pode entender en clave partidista, de confrontación co goberno español de quenda (PSOE/Sumar) deixando ao lado os intereses de Galicia como país.
En relación a condonación parcial da débeda autonómica proposta polo Ministerio de Facenda (4.010 millóns de euros), máis do mesmo. A negativa inicial a aceptar a condonación (quita) dunha parte da débeda non se pode explicar máis que por razóns partidistas, facer oposición ao goberno español de quenda, pois non hai razóns fiscais que a avalen. Calquera prexuízo que houbera, que non o hai, sería moi inferior ao beneficio de ter que pagar menos pola débeda e a que o aforro se poida destinar, por caso, a políticas de emprego, benestar e medio ambiente. Por tales razóns estou convencido de que finalmente a Xunta de Galicia, e as outras comunidades gobernadas polo Partido Popular (PP), aceptarán a quita. Sería demasiada irresponsabilidade, aínda que tratándose do Partido Popular (PP) todo é posible.
Finalmente a delegación de competencias en emigración a Catalunya: estamos diante dunha delegación non dun traspaso de competencias que ademais está contemplada no Estatut de Catalunya polo que é perfectamente constitucional. Trátase unha vez máis de enarbolar desde a Xunta de Galicia a bandeira do anticatalanismo por medo a que Vox lle siga restando votos.
Son estas tres probas contundentes de como os intereses de partido (PP) substitúen aos que deberían seren intereses dun país (Galicia).
Escribe o teu comentario