Son consciente de que para moitos dos meus lectores, se os teño, esta teima sobre a necesidade de defender a democracia pode parecerlles reiterativa e innecesaria, mesmo esaxerada. Por tal razón quero sinalar que o motivo que me empuxa é o de que, deixando á parte o episodio do 23F de 1981, estou convencido de que a democracia en España nunca recibiu por parte das forzas escuras (políticas, xudiciais e mediáticas) ataques tan agresivos como desde que saíu triunfante a moción de censura do ano 2018. Uns ataques que teñen como obxectivo final o propiciar un golpe de estado xudicial que derrube o goberno de progreso (PSOE/Sumar) e abra a porta a un goberno PP/Vox.
Unha estratexia subversiva que se inicialmente puxera o foco en Podemos e os seus aliados como comprobamos cos casos de Ada Colau, Monica Oltra, Juan Carlos Monedero, o propio Pablo Iglesias, posteriormente e logo de que conseguiron o seu obxectivo de retiralos da primeira fila do escenario político centráronse no principal activo do goberno de quenda como é a Presidencia (Pedro Sánchez).
Unha estratexia que pon en evidencia como as dereitas españolas son máis extremistas que a maioría das dereitas europeas. Algo que agora podemos comprobar unha vez máis coa súa posición no conflito internacional xurdido co gallo da chegada á presidencia dos Estados Unidos dun neofascista como Donald Trump. Un presidente ao que dan cobertura un grupo de oligarcas que teñen como obxectivo poñer o mundo ao servizo dos seus intereses privados como grandes corporacións que son para o que tentan eliminar calquera acción política ou xudicial que poña límites aos seus negocios. Así, mentres as forzas democráticas europeas tentan formar un fronte común que poña freo a esas intencións imperialistas e totalitarias da administración trumpista, aínda que o consenso apareza como difícil debido especialmente á falta dunha estratexia común, as dereitas españolas se moven entre o incondicional (Vox) e o apenas disimulado (PP) apoio a Donald Trump no marco dunha estratexia común neofascista na que todo vale co gallo de derribar como sexa ao goberno de quenda (PSOE/Sumar) aínda que sexa poñendo en perigo a democracia e a convivencia.
Unha estratexia que debería levantalas alarmas nas esquerdas políticas, sindicais, sociais, culturais e mediáticas quen ao unísono deben defendela democracia, o estado de dereito, a liberdade, o benestar social e a solidariedade con quen peor o está pasando. Deben tamén denunciar o uso da mentira, a falsidade, o insulto e o ataque persoal como táctica política xa que están deteriorando gravemente a convivencia pacífica e a democracia. Unha democracia que nos custou moito conseguir polo que debemos defendela como unha trincheira.
Escribe o teu comentario