Donald Trump e o ascenso das dereitas extremas en Occidente

Manoel Barbeitos
Economista

Donaldtrump 2
Donald Trump


 


 

A vitoria de Donald Trump nas eleccións presidenciais dos Estados Unidos deulle un enorme pulo ao ascenso das dereitas extremas en Occidente. Un panorama terrible que fai temer pola democracia, a xustiza, a paz e a liberdade nesta parte do mundo. En realidade, en todo o mundo dado o potencial militar dos Estados Unidos, un imperio que está en claro declive pero cuxos bandazos poden destruír a Terra.


 

Para mellor entender as decisións que está tomando Donald Trump convén ter claras dúas cousas: a primeira refírese á propia personalidade do líder estadounidense, a segunda ás características e intereses das corporacións que financiaron a súa campaña e que agora están ditando as súas políticas. Todo iso sen ignorar que o ascenso de Donald Trump á Casa Branca ten lugar nunha contorna internacional marcada polo ascenso das forzas de extrema dereita en Occidente.


 

Empezando por isto último chama un pouco a atención que desde as tribunas europeas se poña o foco nos riscos (certos) que para Europa supón a nova Administración estadounidense e non na dinámica política propia na que os totalitarismos, cos conseguintes riscos para a democracia e a paz, están en ascenso. Uns extremismos que van dende os Urais até o Atlántico e que están marcando moitas das políticas europeas como a guerra en Ucraína, a inmigración, a situación do pobo palestino en Gaza e Cisxordania, os acordos de París sobre o cambio climático, a desigualdade social e territorial e a dependencia enerxética, entre outros.


 

En relación a Donald Trump compre ter en conta que estamos diante dun neofascista que ademais é un grande empresario da hostalería ((Trump Organizatión). Velaí a súa idea de converter Gaza nun grande “paraíso turístico” sobre os cadáveres do pobo palestino. Un empresario cuxa campaña foi financiada por grandes corporacións que agora turran por substituír o capitalismo neoliberal por unha especie de feudalismo rexido por oligarcas financeiros (Wall Street), telemáticos (GAFAM), petroleiros (Exxon Mobil), inmobiliarios (Aimco), hostaleiros (Trump Organizatión), fabricantes de armas (Lockheed Martin), aos que habería que engadir lobbies israelís (AIPAC) e relixiosos (Igrexa Episcopaliana). Todos eles cunha enorme capacidade de presión sobre o poder lexislativo e que agora ditan a política estadounidense dende os despachos da Casa Branca para o que colocaron persoal propio en cada departamento ministerial. Uns ditados dos oligarcas que parten de principios como o de que “a alta tecnoloxía funciona o triplo de rápido que as empresas normais. As administracións públicas funcionan o triplo de lento que as empresas normais. Así que o noso ritmo é nove veces maior que o do estado...por iso o que nos interesa é asegurarnos de que os gobernos non nos estorben nin retarden as cousas” (Larry Page e Sergey Brin, fundadores de Google).


 

Occidente está sufrindo unha enorme crise política e social que fai tremer os alicerces dunhas democracias duramente conquistadas. As forzas escuras están en ascenso e van polas liberdades, a democracia, a igualdade e a paz en Occidente. Non estamos diante dunha batalla entre dereitas e esquerdas senón entre demócratas e neofascistas. Unha batalla política na que, desgraciadamente, algunhas dereitas que se dicían democráticas alíanse agora cos neofascistas (en España temos o caso dun PP aliado con Vox).

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE